Pasar al contenido principal

A BUSC, en liña

Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo
Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo
A Biblioteca Universitaria da USC mantén actividade en liña coa achega de recursos dixitais, servizos e cursos ás persoas usuarias
Lugo, Santiago de Compostela

 A Biblioteca Universitaria da USC (BUSC), unha unidade funcional de apoio á docencia e á investigación constituída por todos os fondos bibliográficos, documentais e audiovisuais adquiridos polos diferentes centros e servizos da USC, sortea as limitacións derivadas da emerxencia sanitaria decretada por mor do Covid-19 a través da bitácora virtual A BUSC en liña, unha xanela que permite a conexión con toda a comunidade universitaria que a demande.

Alén de facilitar o acceso a todo o material incluído no repositorio Minerva, a BUSC, cuxo persoal está a atender e a dar resposta na medida do posible a todas as preguntas, consultas e demais cuestións recibidas a través dos seus enderezos electrónicos, tamén permite acceso a múltiples referencias dixitalizadas que poden ser de interese para que estudantes e PDI avancen con éxito nas súas tarefas académicas.

A estes cometidos propios dun servizo público, a BUSC, que tamén dá conta do seu dinamismo a través das redes sociais, mantén accesibles en liña diversos vídeos titoriais orientados a facilitar as buscas e demais procedementos de manexo dos usuarios, ao tempo que mantén con normalidade a súa oferta de actividades formativas en liña.

A directora da Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo, Julia Cantalapiedra, comentou neste senso que, a expensas da duración do período de confinamento, o persoal deste servizo universitario xa está a traballar na edición e no deseño de actividades ou ferramentas en liña que resulten de utilidade para o alumnado que xa está a desenvolver ou terá que realizar no futuro inmediato Traballos de Fin de Grao ou Traballos de Fin de Máster.