Como crear un espazo de traballo saudable
O Servizo de Prevención de Riscos Laborais da USC acaba de facer públicas unha serie de pautas sobre como debe ser a disposición física do espazo laboral no contexto actual de teletraballo por mor da crise do COVID-19 e o estado de alarma. O emprego dunha mesa con dimensións adecuadas para a actividade que se debe realizar é a primeira das recomendacións. Asemade, tamén é preciso usar un asento de traballo ergonómico e, en todo caso, que permita unha correcta postura de sentado.
Con ordenadores portátiles, se é posible, débese conectar un teclado externo e rato informático. Evitar reflexos e cegamentos, así como dispor dun espazo debaixo da mesa que permita o movemento das pernas, constitúen outras das recomendacións.
Deseño do posto de traballo
Colocar a pantalla e o teclado perpendicular ás ventás e fronte ao usuario/a, a unha distancia dos ollos de 50-55 centímetros; así como acercar o asento á mesa de forma que non se teña que inclinar o tronco e os antebrazos poidan ter espazo suficiente para apoiarse, son hábitos que tamén deben adoptarse. De existir repousabrazos, non deben impedir acercarse á mesa.
Nesta liña, é preciso situar o teclado independente de xeito que se poidan repousar os pulsos; colocar o rato xusto ao lado do teclado; e se se utiliza un portadocumentos, colocalo a unha altura e distancia similar á da pantalla.
Postura de sentado
A parte superior do corpo e a inferior deben formar un ángulo recto, co lombo completamente apoiado no respaldo da cadeira Os antebrazos, pulsos e mans deben estar en posición horizontal. A altura dos ollos debe ser aproximadamente igual á parte superior da pantalla. Os pés deben estar ben apoiados no chan. Non se permanecerá sentado na mesma posición durante longos períodos de tempo.