A USC habilita a defensa en liña de teses de doutoramento
A USC suma xa preto dunha decena de solicitudes para a defensa en liña de teses de doutoramento, unha alternativa habilitada por resolución reitoral e que permite sortear as limitacións de mobilidade que depara a actual situación de confinamento decretada polo estado de alarma sanitaria. Os investigadores dos programas de doutoramento en Neurociencia e Psicoloxía Clínica e en Ciencia e Tecnoloxía Química, Samuel Suárez Suárez e de Jacobo Gómez González, respectivamente, foron os primeiros doutorandos da USC que estrearon o novo procedemento de defensa telemática das súas teses doutorais.
As primeiras experiencias de defensa de teses doutorais en liña na USC resultou todo un éxito, segundo salientou a vicerreitora de Titulacións, María José López Couso. A tese ‘Consumo Intensivo de Alcohol e Cerebro Adolescente: Un estudo mediante neuroimaxen funcional’, realizada por Samuel Suárez e co dirixida por Fernando Cadaveira Mahía e Sonia Doallo Pesado; e a investigación ‘DNA recognition with self-assembled peptide helicates’, presentada por Jacobo Gómez e dirixida polos profesores Miguel Vázquez López e Marco Eugenio Vázquez Sentis, acadaron a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.
Alén das consideracións de carácter académico, López Couso destacou o importante traballo desenvolvido tanto pola Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDIUS), como pola propia área TIC para solventar as cuestións técnicas que dificultaban compaxinar a celebración dun acto académico aberto ao público co segredo da votación dos membros do tribunal responsable da concesión do cum laude. Ao final optouse por habilitar dúas salas en liña, unha aberta ás persoas que o solicitaran con antelación, e outra reservada para os membros do tribunal, explicou López Couso, quen tamén quixo resaltar o feito de que estes dous actos de defensa de teses de doutoramento foron seguidos en liña por máis de 80 persoas.
A vicerreitora de Titulacións da USC sinalou que “a flexibilización da normativa dos estudos de doutoramento acordada nestas circunstancias excepcionais permite, ademais de dar continuidade ao calendario xa aprobado para a defensa de teses de xeito presencial, contemplar as sesións de defensa telemática ou en liña como unha posibilidade real e viable nos casos que existan dificultades para reunir o tribunal ou mesmo para os investigadores estranxeiros procedentes doutras universidades aos que lles resulte moi complexo desprazarse exclusivamente ata a USC para formalizar a defensa da súa tese”.
O director da Escola de Doutoramento Internacional da USC (Edius) , Pablo Taboada Antelo, manifestouse no mesmo senso que López Couso, ao sinalar que a vía telemática está a ter moi boa acollida por parte de todas as persoas implicadas. “Ata o momento na Edius, ademais das teses xa presentadas, atópanse en espera outras que xa estaban aprobadas para a súa defensa e cuxa presentación se desenvolverá en liña estes días”. Ademais destas solicitudes, engadiu, contabilizamos xa o depósito doutras catro teses de doutoramento, das que unha se desenvolveu no Campus de Lugo, comentou.