Pasar al contenido principal

A Facultade de Ciencias acada a implicación do CSIC na ECSOC-24

Táboa de elementos químicos
Táboa de elementos químicos
O investigador e divulgador Bernardo Herradón incorpórase ao comité científico da XXIV Conferencia Electrónica Internacional de Química de Síntese Orgánica, un foro virtual moderado desde o Campus de Lugo polo grupo SWT da USC para o que xa está aberta a presentación de artigos e comunicacións no enderezo organic@usc.es
Lugo, Santiago de Compostela

A vixésima cuarta edición da Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica (ECSOC-24), un congreso virtual promovido polo grupo de investigación Novas Metodoloxías Sintéticas (SWT) do Campus de Lugo da USC, vén de incorporar ao seu comité científico internacional ao investigador e divulgador do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) Bernardo Herradón. A implicación deste membro da axencia estatal española para a investigación científica e o desenvolvemento tecnolóxico pon de relevo a pertinencia dunha iniciativa científica pioneira no eido virtual que está coordinada desde hai máis de tres lustros polos integrantes do grupo de investigación Novas Metodoloxías Sintéticas (SWT) do Campus de Lugo, os profesores do Departamento de Química Orgánica da USC Julio A. Seijas Vázquez e Pilar Vázquez Tato.

Os membros da comunidade científica interesados en achegar comunicacións ou artigos científicos ao debate da próxima edición da ECSOC, que se desenvolverá en liña do 15 de novembro ao 15 de decembro de 2020, poden facelo a través do enderezo electrónico organic [at] usc.es (organic[at]usc[dot]es), segundo indicou Julio A. Seijas. Este catedrático da USC sinalou asemade que a parálise provocada en todo o mundo pola pandemia da COVID-19 e a conseguinte limitación de movementos, fai pensar que a ECSOC 24 superará con creces o número de participantes e de comunicacións científicas obxecto de debate.

O tamén presidente do comité científico da ECSOC-24 e principal impulsor dun congreso que, ademais de contar co apoio da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, tamén conta co respaldo científico da Real Sociedade Española de Química, lembrou que a participación media dos últimos anos superou o centenar de comunicacións, achegas científicas de alta calidade presentadas por investigadores de máis de 20 países, dixo.

O esquema de desenvolvemento desta nova edición da ECSOC, o congreso virtual da USC que conta cunha traxectoria temporal máis ampla e cuxa arquitectura formal xa anticipou o que están a ser na actualidade os foros de análise e debate, non presenta modificacións, precisou Julio A. Seijas, ao tempo que lembrou que a inscrición neste congreso continúa ser de balde un ano máis.

Respecto da temática dos traballos sometidos a debate en rede durante o mes que dura esta conferencia electrónica, Seijas aventurou que a maioría das sesións permitirán aos investigadores participantes intercambiar e compartir traballos sobre macromoléculas, polímeros, líquidos iónicos, química computacional ou, entre outras, pescudas sobre síntese iónica por microondas...
                   

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.05.2020.