Pasar al contenido principal

A USC avanza na futura reactivación da actividade administrativa e investigadora presencial

Vista xeral dende o Colexio de Fonsexa. Foto: Santi Alvite
Vista xeral dende o Colexio de Fonsexa. Foto: Santi Alvite
A resolución reitoral que acaba de aprobarse deseña unha transición que garanta unha adecuada conciliación familiar e persoal, así como a protección dos colectivos especialmente sensibles

A USC acaba de aprobar unha resolución reitoral na que se contempla o marco xeral de transición que permita a futura reactivación da actividade administrativa e investigadora da Universidade de xeito presencial. Este documento atópase en conformidade co 'Plan para la transición hacia una nueva normalidad' aprobado polo Consello de Ministros o 28 de abril e que establece catro fases con incidencia na actividade universitaria. En todo caso, a Xerencia autorizará a apertura das instalacións e o desenvolvemento do traballo de xeito presencial só nos casos en que non sexa posible o traballo non presencial. Neste senso, o xerente valorou positivamente tanto a actitude como a vontade de colaboración percibida entre o persoal implicado e entre a representación sindical do cadro laboral.

Á vista destas circunstancias, a USC asenta neste documento os criterios para a apertura de instalacións e a reincorporación de persoal, tendo presente en todo momento a necesidade de garantir os protocolos e recomendacións sanitarias e as medidas relativas á seguridade e saúde laboral do persoal ao servizo da USC. "É especialmente relevante neste momento, tendo en conta as consecuencias da enfermidade por coronavirus, garantir unha adecuada conciliación familiar e persoal, a protección dos colectivos especialmente sensibles declarados polas autoridades sanitarias, e a recuperación da normalidade laboral da Universidade", establece a resolución.

Plan de reinicio

A multitude de infraestruturas e as diferentes actividades que se desenvolven no seo da institución requiren deste protocolo de actuación que define as responsabilidades do persoal encargado da reactivación e as canles de comunicación interna que aseguren a máxima coordinación entre todos os mandos co obxecto de ofrecer a necesaria seguridade e todas as garantías ao persoal que deba prestar os seus servizos de forma presencial.

Neste senso, e sempre baixo a coordinación da Xerencia, o persoal responsable de cada servizo deberá elaborar un plan de reinicio da actividade no que organice as quendas de traballo do persoal, así como  a organización dos espazos de traballo onde se desenvolva a súa actividade para o cumprimento das medidas de distanciamento aplicables en cada caso, alén do mantemento das normas, disposicións e recomendacións relativas á seguridade e saúde laboral do persoal ao seu cargo. A persoa responsable da instalación remitirá o plan á Xerencia, a través do correo electrónico xerente [at] usc.gal (xerente[at]usc[dot]gal) cunha antelación mínima de 3 días hábiles á data na que se pretenda reiniciar a actividade. 

Asemade, a necesidade de realizar obras de mellora e reparación nos edificios que xa estaban programadas esixe compatibilizar a reincorporación ao traballo con estas actividades, procurando unha baixa ocupación que garanta a sectorización das obras e as medidas de seguridade e hixiene necesarias. Cómpre tamén ter en conta que estes criterios deben permitir a adaptación ás circunstancias derivadas da fase na que se atope cada provincia ao ter presenza en dúas cidades con realidades diferentes no relativo á evolución da pandemia.

Ámbito de aplicación

Esta resolución afecta á actividade investigadora que requira presenza en laboratorios; á actividade administrativa, académica e de apoio á investigación; ás actividades necesarias para o desenvolvemento das funcións esenciais; ás de carácter asistencial prestadas nas Facultades de Medicina e Odontoloxía, Psicoloxía e Óptica e Optometría en función das recomendacións sanitarias establecidas; ao Rexistro Xeral; á actividade de préstamo da Biblioteca; ao Arquivo Histórico Universitario; así como á actividade deportiva sen contacto e sen público a desenvolver no estadio de atletismo e nas pistas de tenis. Queda excluída a actividade docente que se desenvolverá de xeito non presencial.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.05.2020.