Pasar al contenido principal

A evolución cara a unha TUI dixital reduce a pegada de carbono da USC

A USC en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable
A USC en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable
Día mundial do medio ambiente. A incorporación da TUI na app da USC evita a emisión dunhas 8.500 tarxetas físicas de media anual, e reduce a emisión de gases de efecto invernadoiro
Lugo, Santiago de Compostela

A incorporación das funcións da Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI) na app da USC permitiu reducir a emisión anual de 8.500 tarxetas de plástico, o que conleva evitar a emisión de gases de efecto invernadoiro nunha cantidade de 108 kg CO2eq anuais, xunto co impacto sobre augas marinas e doces que producirían 10 toneladas de 1,4-diclorobenceno equivalente. 

Esta acción foi cuantificada no marco da materia de Xestión do Ciclo de Vida de Produtos e Procesos do Mestrado Oficial en Enxeñaría Química e Bioprocesos, na que se fixo un estudo de análise de ciclo de vida para asociar as cargas ambientais da TUI física fronte ás da súa versión virtual. Isto permitiu discernir os impactos ambientais evitados. O equipo responsable estivo formado por Sofía Estévez Rivadulla, Valentina Lorena Gallardo Garay e Daniel Alejandro Barreiro Gordito, coordinado polos profesores María Teresa Moreira e Gumersindo Feijoo.
 

App
Hai uns meses, a USC  en colaboración co Mecenado de Santander Universidades, puxo en marcha a súa app, que acumula 5.260 descargas ata o de agora. O feito de que esta ferramenta incorpore as funcionalidades da TUI, e debido á súa boa acollida, para o vindeiro curso 2020-2021 irase eliminando de forma paulatina o uso das tarxetas de plástico entre a comunidade universitaria, e para o alumnado de novo ingreso só se emitirá TUI dixital. 

Esta acción está enmarcada na Liña 3.3 da Programación Plurianual ‘Avanzar na igualadade e na sustentabilidade’, que contempla que a USC estea en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da ONU (3.3.3), una política de plásticos 0 (3.3.4) e USClima (3.3.5). Especificamente, esta evolución cara á TUI dixital dentro das funcionalidades da app, supón actuar directamente sobre o ODS 6 ‘Auga limpa e saneamento’, ODS 13 ‘Acción polo clima’ e ODS 14 ‘Vida acuática’.

Tres Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable
Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.06.2020.