Pasar al contenido principal

‘Na Bocanoite’ adapta a oferta de Lugo Cultural á nova normalidade

Ferreiro e Zapata, na presentación de 'Na Bocanoite', na terraza da Casa do Saber
Ferreiro e Zapata, na presentación de 'Na Bocanoite', na terraza da Casa do Saber
A programación cultural resultante da fusión das ‘Noites na Domus’ e ‘Lubicán’ traslada á terraza da Casa do Saber visitas virtuais musicadas ao xacemento e concertos ao aire libre nas noitiñas dos xoves desde o 25 de xuño ata o 30 de xullo
Lugo

A programación cultural deseñada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, xestionado pola USC e que tamén conta co apoio económico do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo, adáptase á nova normalidade xurdida logo da pandemia causada pola COVID-19 da man de ‘Na Bocanoite’, unha proposta que fusiona as visitas guiadas e musicadas das ‘Noites na Domus’ e as actuacións de música ao vivo previstas inicialmente no ciclo ‘Lubicán’. O adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata, e a concelleira do Concello de Lugo e deputada provincial delegada da área de Cultura, Tareixa Antía Ferreiro, presentaron este xoves a nova oferta artística, un abano de concertos de música ao vivo e visitas virtuais musicadas ao xacemento mitraico que se desenvolverán todos os xoves desde o 25 de xuño ata o 30 de xullo na terraza da Casa do Saber. Este espazo ao aire libre convertido en improvisado escenario contará como patio de butacas co adro da catedral.

‘Na Bocanoite’ responde a unha solución de emerxencia a través da que USC, Concello e Deputación de Lugo pretenden dar continuidade á programación do Lugo Cultural, xerar actividade e emprego os traballadores e traballadoras da industria cultural, ademais de ofrecer ao público interesado a oportunidade de gozar de espectáculos artísticos de balde, sempre coa máxima seguridade e respecto á normativa sanitaria vixente, sinalaron Zapata e Ferreiro no marco dun acto no que tamén salientaron o seu desexo de que a posta en marcha desta iniciativa contribúa a inspirar máis confianza entre a poboación e a reanimar a vida social e cultural do casco histórico da capital luguesa.

O primeiro dos espectáculos programados ao abeiro de ‘Na Bocanoite’ desenvolverase o 25 de xuño, a partir das 22.30 horas, cando o arqueólogo Celso Rodríguez Cao, acompañado da música de zanfona de Germán Díaz, conducirá, coa axuda de imaxes proxectadas na fachada lateral da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, unha visita virtual a través da historia e dos restos achados na escavación do xacemento mitraico actualmente musealizado.

Esta sesión histórico artística será replicada o 9 de xullo, data na que está previsto que o grupo Solo Voces acompañe coa música as explicacións arqueolóxicas, e ofrecerá o 23 de xullo unha terceira entrega, na que os protagonistas volverán ser o responsable das escavacións arqueolóxicas realizadas no solar, que, entre outros achados e vestixios arquitectónicos, agochaba unha ara e un templo adicado ao deus Mitra, e o músico Germán Díaz, “unha voz singular cun son plural”, que, en palabras do crítico musical Carlos Pérez Cruz, faculta a este compositor “para emocionar e manter a respiración co que crea”.

A música de Best Boy soará ao vivo desde a terraza da Casa do Saber de Lugo o 2 de xullo no marco dun concerto que comezará ás 20.00 horas e no que a banda liderada por Ángel Sánchez e Lucas Fernández presentará en Lugo os temas do álbum ‘Cross the border’. Chegados en 2016 desde Tui, O Porriño e Vigo, e xa consolidados como unha revelación da escena musical galega, Best Boy amosa neste traballo influencias diversas que van desde o blue grass, o funk máis clásico, desde o soul da motown ata o rock sureño, o pop u jazz, entre outras.

A cantautora arzuá MJ Pérez repite este verán no cartel da programación do Lugo Cultural e subirá o 16 e xullo ao escenario habilitado na azotea da Casa do Saber para ofrecer, a partir das 20.00 horas, ao público lugués as composicións incluídas no seu último traballo, ‘A Luz Prendida’, así como outras pezas senlleiras dun repertorio cada vez máis amplo e que xa suma varios discos. O cuarto álbum de MJ Pérez, o segundo de estudio, é un disco de 15 temas no que a luz é protagonista, presente de forma constante ao longo de todo o traballo.

‘Na Bocanoite’ chegará ao seu colofón o 30 de xullo cun espectáculo sonoro a cargo da banda boirense Agorophobia, unha formación integrada por catro rapazas influenciadas polo punk rock e que nos últimos catro anos xa se ten consolidado como un dos estandartes da música galega. O concerto de  Agorophobia comezará ás 20.00 horas.

Recollida de entradas

As limitacións de aforo estipuladas pola normativa sanitaria vixente esixen regular o acceso de público aos espectáculos programados a través do despacho de entradas numeradas, que posibiliten contabilizar os espectadores, que poderán situarse nas butacas instaladas nun adro da catedral luguesa convertido en escenario.

As persoas interesadas en acudir como público a calquera dos espectáculos programados deberán recoller o día antes de cada actuación as entradas, que se despacharán de balde nas oficinas da Área de Cultura sitas no edificio da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo en horario de 10.00 a 13.00 horas. No caso de choiva os espectáculos desenvolveríanse no auditorio da Casa do Saber. Dado que a capacidade destas dependencias universitarias son limitadas e a fin de cumprir coa legalidade, os organizadores de ‘Na Bocanoite’ adaptaron os espectáculos a dous pases de media hora. As entradas do 1 ao 43 accederían ao primeiro pase, programado para as 19.30 horas, e do 44 ao 86 poderían acceder á segunda sesión, prevista para ás 21.00 horas.

Ferreiro e Zapata, na presentación de 'Na Bocanoite', na terraza da Casa do Saber
Ferreiro e Zapata, na presentación de 'Na Bocanoite', na terraza da Casa do Saber
Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.06.2020.