Pasar al contenido principal

Herberto de Claraval adianta a entrada do mosteiro de Sobrado na historia da literatura

Mosteiro cisterciense de Sobrado dos Monxes
Mosteiro cisterciense de Sobrado dos Monxes
O profesor e investigador da Facultade de Humanidades da USC José María Anguita identifica nun artigo publicado en Analecta Bollandiana ao terceiro abade de Sobrado co monxe de Claraval coñecido pola súa profusa obra escrita e considerado como un dos precursores do conto, relato curto ou microrrelatos como xénero literario
Lugo

O terceiro abade do mosteiro cisterciense de Sobrado dos Monxes, Herberto (1181-184) foi en realidade un dos escritores máis lidos na Europa da súa época, coñecido baixo os nomes de Herberto de Claraval, de Mores, de Torres ou mesmo de Sobrado, segundo está documentado polo menos nun texto, en función dos distintos destinos ocupados por este monxe do Císter, que incluso puido coincidir e coñecer en vida a San Bernardo, e que, pola súa obra, está considerado como un dos precursores e impulsores do relato curto, conto ou microrrelatos como xénero literario propio no eido da literatura.

A identificación de Herberto de Sobrado co seu homónimo de Claraval é froito da investigación desenvolvida ao longo dos últimos catro anos por José María Anguita Jaén, profesor e investigador medievalista do Departamento de Filoloxía Clásica, Francesa e Italiana na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC, cuxos achados figuran no artigo ‘Herberto de Claraval, Herberto de Sobrado e o milagro de Moreruela’, publicado no último número de Analecta Bollandiana, unha publicación catro veces centenaria que está considerada como a de maior prestixio no ámbito da haxiografía.

Anguita Jaén chega á conclusión de que Herberto de Sobrado e de Claraval son a mesma persoa logo dunha laboriosa investigación e despois de comprobar múltiples coincidencias en datas, vivencias e mesmo no estilo e no tipo dos textos asinados por este monxe, ao que en pleno período de apoxeo ou efervescencia do Císter en Europa lle encomendaron visitar e supervisar os mosteiros que a obra fundada por San Bernardo acumulaba no noroeste peninsular. O mosteiro de Sobrado, o máis importante de Galicia, xunto co de Oseira, ocupaba unha posición de prevalencia respecto dos ata oito enclaves localizados en Galicia e mesmo doutros emprazados en territorio do Reino de León e incluso de Portugal, apunta Anguita.

A conexión identitaria entre o terceiro abade do mosteiro de Sobrado, onde tivo unha presenza física reducida por mor do carácter itinerante do cometido que lle foi encomendado, e Herberto de Claraval, constrúese a partir da coincidencia de non poucos datos historiográficos e episodios vitais documentados do segundo. Esta hipótese acada a súa madurez absoluta ao analizar e comparar o texto asinado por Herberto de Sobrado no que se narra o milagre dun ermitaño de Carracedo, na rexión leonesa do Bierzo, con outros documentos coñecidos de Herberto de Claraval.

“Os textos escritos por este monxe cisterciense son curtos e teñen unha estrutura moi sinxela”, comenta Anguita, ao tempo que comenta que a temática destes textos versa sobre cuestións ligadas á milagres, aparicións, vivencias espirituais... todo cunha imaxinería fastuosa, di o profesor da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo. Este investigador, que cre boa parte destes relatos pretendían ter influencia na vida e no control dos monxes máis novos, ademais de axudar a consolidar o seu control, e a fortaleza e a conseguinte expansión do Císter sobre os distintos enclaves territoriais, sostén que feito de que Herberto de Claraval ocupara a abadía de Sobrado dos Monxes durante catro anos denota a magnitude da forza que chegou a ter a orde do Císter en Galicia no século XII. Anguita lembra neste senso que o apoxeo desta organización foi xa a menos na centuria posterior ata desaparecer xa no século XIV.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.06.2020.