Pasar al contenido principal

A Deputación da Coruña apoia a actividade investigadora da USC na procura de vacinas e tratamentos para a Covid-19

O reitor Antonio López, xunto coa subdirectora deste centro singular da USC, Mabel Loza, acompañaron ao presidente da Deputación da Coruña na súa visita ao CiMUS. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, tamén tomaron parte no periplo. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López, xunto coa subdirectora deste centro singular da USC, Mabel Loza, acompañaron ao presidente da Deputación da Coruña na súa visita ao CiMUS. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, tamén tomaron parte no periplo. FOTO: Santi Alvite
O presidente entregou este xoves á Universidade un talón con 13.558 euros doados polo persoal e a corporación da Deputación durante o confinamento para contribuír á investigación da vacina
Santiago de Compostela

A visita ao Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC por parte do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, serviu para evidenciar o apoio desta institución á investigación desenvolvida na Universidade, en xeral, e na loita contra a COVID-19, en particular. O presidente entregou este xoves á USC un talón con 13.558 euros doados polo persoal e a corporación da Deputación durante o confinamento para contribuír á investigación da vacina. Os membros da corporación, así como as persoas que integran o cadro de persoal da Deputación, poden efectuar doazóns á USC a través da plataforma de micromecenado ´Sumo Valor´. Esta liña específica de colaboración carece de data de caducidade.

O reitor Antonio López, xunto co director e subdirectora deste centro singular da USC, Carlos Diéguez e Mabel Loza, acompañaron ao presidente da Deputación da Coruña na súa visita ao CiMUS. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, tamén tomaron parte no periplo. González Formoso destacou a necesidade de “dotar de recursos adecuados a centros coma este, que son unha referencia no seu ámbito e que teñen claramente un retorno social importante”. Neste senso, subliñou que “un país que queira ser avanzado, que queira ter un lugar no mundo, ten que investir en investigación” e agradeceu o traballo que levan a cabo nos distintos centros investigadores da USC na procura de vacinas e terapias efectivas para tratar a Covid-19. No mesmo aspecto incidiu o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, que declarou que “para Santiago e para Galicia é un orgullo contar con centros coma este. O CiMUS é unha referencia en España e en Europa en biotecnoloxía”, apuntou o rexedor.

Pola súa banda, o reitor da USC, Antonio López, agradeceu a colaboración da Deputación e destacou que o 70% da investigación realízase nas universidades. “En momentos coma este, a investigación é unha peza clave”, sostivo o reitor, que destacou que na USC “poñemos o mellor de nós”, mantendo estudos de gran relevancia a nivel nacional e internacional. Antonio López explicou tamén que a USC puxo en marcha unha canle de micromecenado “para que as persoas podan involucrarse coas investigacións”. Con esta fórmula, os doantes recuperan na declaración da renda o 100% das pequenas cantidades coas que apoian proxectos de investigación científica. “O obxectivo é recibir recursos que agradecemos moito, pero tamén crear vínculos coa sociedade”, explicou o reiton.

‘Sumo Valor’

A USC puxo en marcha en novembro de 2019 o programa de micromecenado USC 'Sumo Valor' co obxecto de crear un espazo de encontro que implique a empresas, institucións e sociedade nas actividades, proxectos e servizos que desenvolve a Universidade. Esta iniciativa constitúe un “vínculo activo coa USC e un instrumento que reforza a nosa conexión coa sociedade”, explicou o reitor Antonio López no acto de presentación da campaña. "Esta captación de fondos destinarase a investigacións en distintos eidos, dende as Ciencias, Enxeñarías e Ciencias da Saúde, ata as Ciencias Sociais e Xurídicas", explica o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo. A plataforma abriu no mes de abril unha nova liña destinada a acelerar o proceso de investigación contra a COVID-19. Dende entón, máis dun centenar de particulares, institucións e empresas de moi diversa índole quixeron tomar parte nesta iniciativa. 

Desenvolver e avaliar en estudos preclínicos unha nova vacina baseada en ARNm contra o SARS-CoV2 capaz de inducir respostas inmunitarias de longa duración fronte ao virus é o fin último do proxecto de investigación no que traballa o laboratorio que lidera a catedrática da USC e investigadora no CiMUS, María José Alonso, e que tamén recibe fondos procedentes de 'Sumo Valor'. O obxectivo é producir un vehículo sintético baseado en biomateriais inocuos e capaz de transportar o ARNm ao interior das células dianas, de modo que logre a produción do  antíxeno no organismo humano.

Alén do CiMUS, outros investigadores están a traballar tamén na loita contra a COVID-19 dende diversas perspectivas. Os fondos captados a través de 'Sumo Valor' están a servir como fonte de financiamento para dous proxectos desenvolvidos co Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica (CiQUS). Por unha banda, o profesor Javier Montenegro é o investigador principal dun proxecto que prepara vectores peptídicos para o transporte de ARN mensaxeiro de potencial aplicación en vacinas; pola outra, o grupo que dirixe o profesor José Martínez Costas traballa dende abril no desenvolvemento dunha vacina fronte á COVID-19 en base a unha nova metodoloxía, desenvolta no propio centro e patentada pola USC, que permite resultados en marxes de tempo reducidos e a baixo custo. Esta investigación está a piques de iniciar probas preclínicas en animais.

O catedrático de Electromagnetismo da USC, Jorge Mira, é o investigador principal do proxecto 'Predico' sobre modelos de predición dinámica sobre escenarios de afectación por COVID-19 a curto e medio prazo. O obxectivo deste proxecto tamén financiado pola campaña de micromecenado da USC, é o de predicir a evolución da expansión e incidencia da enfermidade. Este equipo de investigadores logrou predicir cando se ía producir o pico da pandemia.

A cartografía de risco coordinada polo profesor Ángel Miramontes permitirá coñecer onde se localizan os principais focos de contaxio pola COVID-19, con que factores territoriais están relacionados e cales son os espazos de actuación chave para frear a súa propagación. 'Sumo valor' toma tamén parte na elaboración deste mapa actualizable que permitirá realizar un diagnóstico sobre o comportamento espacial do contaxio.

Dende a USC coordinase asemade unha investigación internacional dirixida polo catedrático Anxo Carracedo que estuda cales son os determinantes xenéticos e biomarcadores xenómicos  de risco que podan predispor a algunhas persoas a sufrir unha infección a causa do virus SARS-CoV-2 máis grave. 

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.06.2023.