Pasar al contenido principal

A Unidade de Raios X da RIAIDT renova a certificación ISO 9001

O edificio Cactus do Campus de Lugo forma parte da RIAIDT da USC
O edificio Cactus do Campus de Lugo forma parte da RIAIDT da USC
A acreditación expedida pola ENAC certifica que o sistema de xestión de calidade da Unidade de Raios X da RIAIDT da USC mellora a eficacia e a rendibilidade deste servizo universitario, ao tempo que incrementa o grao de satisfacción entre os usuarios
Lugo, Santiago de Compostela

A Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) vén de conceder a renovación da certificación do sistema de xestión de calidade pola Norma UNE-EN ISO 9001, implantado na Unidade de Raios X da Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento Tecnolóxico (RIAIDT) da USC. Esta acreditación corrobora que o  sistema de xestión operativo permite proporcionar servizos de forma regular e controlada, mellorando a eficacia e rendibilidade dos recursos existentes na referida unidade deste servizo universitario, ao tempo que permite incrementar o grao de satisfacción e a confianza dos seus usuarios e usuarias. A consecución deste obxectivo require tamén dotar ao sistema da capacidade de evolucionar cara a mellora continua da actividade.

A ENAC certificou por primeira vez en 2017 o sistema de xestión de calidade da Unidade de Raios X da RIADT da USC, cuxa actividade científico-técnica se avalía desde entón mediante auditorías anuais, realizadas por unha entidade de certificación acreditada. Nestas auditorías certifícase que o traballo desenvolvido neste servizo universitario é acorde ao estándar internacional de xestión de calidade da Norma ISO 9001. Transcorrido este tempo, e tras unha avaliación integral do sistema, a ENAC concede novamente a certificación internacional, cunha vixencia ata xuño de 2023.

Esta acción no ámbito da Calidade responde a unha decisión estratéxica tomada dende a Dirección da RIAIDT e a Vicerreitoría de Investigación e Innovación da USC. O éxito desta estratexia require do compromiso do persoal da Unidade de Raios X coa mellora continua do servizo prestado ás usuarias e aos usuarios da RIAIDT. Nese sentido, a renovación da certificación é reflexo do traballo conxunto de todo o persoal implicado, en especial do persoal técnico da Unidade de Raios X.

Durante o ano 2019 a Unidade de Raios X atendeu solicitudes de máis de 50 grupos de investigación diferentes, sendo xestionadas en base a procesos certificados pola Norma ISO 9001 un total de 3.008 mostras, das cales o 92 % tiveron como orixe a propia USC e a porcentaxe restante outras universidades, OPIs e entidades privadas.

Proxecto Calidade ISO 9001 na RIAIDT

A Unidade de Raios X da Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento Tecnolóxico da USC traballa na ampliación do alcance do sistema de xestión de calidade ISO 9001 a todas as unidades da RIAIDT de Lugo e de Santiago. Este novo proxecto, como o anterior, nace da convicción de que un sistema de xestión de calidade supón un valor engadido para a actividade da RIAIDT e, por extensión, para a investigación desenvolvida na USC e noutros organismos públicos e privados, o que redunda no beneficio de todos.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.06.2020.