O Campus Terra debuxa o futuro agroforestal de Galicia nun intenso debate de campaña
O reitor da USC, Antonio López, salientou este venres o fondo compromiso da institución universitaria e, nomeadamente, do seu Campus Terra, coa valorización dos sectores primarios produtivos, tales como o son a agricultura, a gandería e o sector forestal, piares do desenvolvemento económico da provincia de Lugo. López realizou estas declaracións na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, no marco do acto de apertura do foro de debate político sobre o futuro do agro galego para a próxima lexislatura promovido polo xornal dixital Campo Galego.
O convite inicial do reitor ao debate e a confrontacións de ideas e iniciativas orientadas a poñer en valor o uso, a ordenación e o aproveitamento do territorio, xa a través de explotacións gandeiras e forestais xa a través de fórmulas e iniciativas innovadoras, deu pé a un intenso faladoiro monográfico, moderado polo xornalista de Campo Galego Camilo Friol e no que voceiros das cinco formacións políticas con representación parlamentaria: PP, PSOE, En Común Podemos, BNG e Marea Galeguista, achegaron os seus respectivos diagnósticos da realidade e diversas propostas para o futuro.
O director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Alimentarias da Xunta de Galicia, José Balseiros Guinarte, que actuou como representante do PP neste debate sobre o agro galego, estivo acompañado na sesión polo profesor da USC Manuel Francisco Marey, que concorre ás eleccións autonómicas na candidatura do PSdeG-PSOE, así como polo voceiro de Medio Ambiente do Grupo Común da Esquerda no Parlamento de Galicia, Marcos Cal. O deputado nacionalista Xosé Luis Rivas Mini, e o xeólogo ambiental e traballador do SLG na comarca da Mariña, Iván Rodríguez Lombardero, en representación de Marea Galeguista, completaron o panel de relatores neste primeiro debate de campaña sobre o medio rural galego.
O debate, que se prolongou durante máis de dúas horas, xirou arredor de seis bloques temáticos, nos que ademais de afondar sobre as causas e as posibles solucións á crise provocada polo coronavirus no agro, os distintos voceiros políticos convidados tamén tiveron a ocasión de presentar e expoñer as súas propostas de futuro para un sector de vital importancia para a vida social e económica de Galicia. Así, entre outras cuestións, o foro serviu para afondar sobre o próximo ciclo da Política Agraria Común (PAC), modelos e cambios na ordenación da base territorial ou a problemática derivada da falta de relevo xeracional das explotacións, a xestión dos xurros, ademais dos retos de futuro de gandería, agricultura, viñedo, sector lácteo, cárnico e forestal.
A sesión desenvolvida nun salón de actos da EPS de Enxeñaría adaptado á actual situación post-COVID-19, no que ademais de cumprir a normativa sanitaria vixente, o numeroso público citado tamén gardou as distancia social recomendada, chegou ao seu colofón cunha quenda aberta de interpelacións aos voceiros políticos, preguntas formuladas polos asistentes e tamén polas persoas que seguiron o o faladoiro de xeito telemático a través do Facebook Live de Campo Galego.