Pasar al contenido principal

XuvenCiencia bota a andar un campus de verán con proxectos en rede

De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, Wajih Al-Soufi, Montserrat Valcárcel, Mercedes Novo e Antonio Gregrorio, na apertura do campus en rede de XuvenCiencia
De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, Wajih Al-Soufi, Montserrat Valcárcel, Mercedes Novo e Antonio Gregrorio, na apertura do campus en rede de XuvenCiencia
A vicerreitora da USC Montserrat Valcárcel inaugura a oitava edición dunha iniciativa educativa dirixida á mocidade preuniversitaria e cuxo programa rematará o 3 de xullo na Casa do Saber cunha charla interactiva e aberta ao público, a cargo de Óliver Laxe
Lugo

O grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC botou a andar este luns o Campus de Verán XuvenCuencia en Rede, unha iniciativa educativa e de divulgación científica dirixida á mocidade de entre 16 e 18 anos e adaptada á nova normalidade logo dunha primavera marcada pola pandemia global e a crise sociosanitaria provocada pola COVID-19. A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e a tamén profesora da USC e coordinadora do grupo XuvenCiencia, Mercedes Novo, deron esta mañá a benvida a todos os participantes, alumnado, monitores e profesorado implicado neste oitavo Campus de Verán XuvenCiencia, unha edición alternativa ás anteriores, na que se muda o carácter presencial das sesións programadas por un abano de propostas de proxectos para desenvolver en rede, que non de xeito virtual.

Os promotores deste campus estival conciben esta proposta en rede como “unha irmá máis nova” do Campus de Verán XuvenCiencia, polo que teñen pasado arredor dun milleiro de mozas e mozos de Galicia e de fóra do país nas sete edicións que van celebradas. A iniciativa deseñada tendo en conta as características especiais deste curso académico, especialmente duro para as e os adolescentes e as familias, “que se viron pechadas nas casas nun contexto de incerteza xeral”, non nace para substituír o campamento presencial, senón coa vocación de ser unha alternativa e, sobre todo, un espazo de coñecemento, intercambio e diversión para aquelas/es que escolleron o camiño da ciencia nestes primeiros días de vacacións escolares, sinala Mercedes Novo.

Proxectos e obradoiros

Os proxectos e obradoiros ofertados están ideados, segundo explica Novo, co propósito de construír un clima de reflexión entre o profesorado, as monitoras e o alumnado arredor, por exemplo, dos alimentos que consumimos, a imaxe que temos do medio rural no que se producen e a importancia que desempeñará nun contexto de crise global tanto o reducir a pegada de carbono no seu transporte como o garantir a seguridade a través de ferramentas de trazabilidade alimentaria. Asemade, neste tempo de días longos e noites curtas que lle segue ao solsticio de verán, as xuvencientíficas e os xuvencientíficos recibirán instrucións para armar e poñer a funcionar o seu propio reloxo solar e debaterán sobre a influencia que ten a hora solar sobre os usos sociais e a nosa vida.

O alumnado deste Campus de Verán XuvenCiencia en Rede terá algunhas sesións de orientación a través de videoconferencia, pero o programa está pensado para que collan as súas libretas de campo e se boten fóra para tomar datos, recoller enquisas e materiais que despois poñerán en común cos seus colegas, as monitoras e o profesorado. Para reforzar a idea de compañeirismo, integrantes da ACD Lumieira Lugo, vellos colaboradores deste campamento, encargaranse de propor unha serie de actividades e retos de lecer baixo o epígrafe de XuvenTardes. Xa que unha información veraz é imprescindible na configuración de sociedades libres e democráticas e baixo a premisa de que a divulgación de ciencia para os públicos máis diversos será a pedra filosofal na formación das vindeiras décadas, o alumnado recibirá tamén unha introdución á comunicación e ao xornalismo científico, ao tempo que elaborará pezas divulgativas e informativas cos resultados obtidos nos seus experimentos.

Óliver Laxe

XuvenCiencia en Rede concluirá o venres, 3 de xullo, ás 12.00 do mediodía, cunha charla interactiva que pronunciará o cineasta Óliver Laxe desde a Casa do Saber da Vicerreitoría de Lugo. O seu proxecto na Montaña de Lugo, na aldea da que emigrou a súa familia, e a “autorrealización” persoal serán algúns dos asuntos que aborde o premiado director do filme ‘O que arde’. Esta sesión será de carácter presencial con entrada libre e gratuíta ata cubrir o aforo, coas condicións de seguridade e distancia social establecidas na nova normalidade, pero tamén se emitirá en directo vía internet, a fin de que poida ser seguida desde calquera lugar a través de soporte dixital. Esta última actividade do Campus de Verán XuvenCiencia en Rede está aberta non só a toda a comunidade universitaria e preuniversitaria de Galicia e máis aló das fronteiras do país, senón tamén ao público en xeral, que poderá realizar preguntas tanto de xeito presencial como a través do chat da videoconferencia.

O Campus de Verán XuvenCiencia en Rede é unha iniciativa de innovación educativa e divulgación científica promovida polo grupo XuvenCiencia da USC, que pode desenvolverse nesta edición grazas ao apaoio recibido do Campus Terra da USC, a Deputación e o Concello de Lugo, o grupo Aresa, e do colectivo universitario Proxéctate en Galego do Servizo de Normalización Lingüística da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.06.2020.