Cine e creación audiovisual en galego alén da pandemia no V Findecurta
O maratón audiovisual Findecurta, un certame audiovisual impulsado desde a Oficina de Cultura do campus de Lugo da USC ao abeiro do convenio Lugo Cultural sorteou con éxito todas as limitacións derivadas da pandemia provocada polo coronavirus e congregou na súa quinta edición coa participación de máis de 70 persoas, agrupadas en sete equipos que presentaron a concurso cadansúa proposta creativa.
Os promotores deste certame, coordinado por Bruno Maez e a través do que o Campus de Lugo da USC pretende dar resposta ás inquedanzas de novos creadores audiovisuais en galego, ademais de ofrecer unha plataforma para facer visible o seu traballo, salientaron o alto nivel de participación na última edición desta convocatoria artística, un certame desenvolvido de xeito íntegro de forma telemática.
Unha vez rematado o prazo de presentación das curtas, o xurado encargado de fallar os premios deste certame, dotado cun premio en metálico de 500 euros para candidatura máis valorada, analizará nestes días os distintos traballos para logo emitir a súa resolución nunha gala aberta ao público que se desenvolverá previsiblemente ao longo do mes de xullo.
Ademais do galardón en metálico que gratificará aos autores da curta premiada polo xurado, a proposta audiovisual seleccionada por parte do público tamén gozará da posibilidade de ser proxectada no marco da próxima edición da Semana Internacional de Cine de Autor, un certame promovido polo Grupo Cinematográfico Fonmiñá e no que os traballos do V Findecurta competirán polo Premio do Público á Mellor Curtametraxe Galega.