Pasar al contenido principal

O Campus de Lugo eleva a súa I+D a referencia mundial

Unha investigadora nun laboratorio da USC
Unha investigadora nun laboratorio da USC
Un traballo sobre recubrimentos alimentarios a base de polisacáridos publicado polos investigadores de Veterinaria Patricia Cazón e Manuel Vázquez en ‘Food Hydrocolloids’ convértese no artigo máis citado da principal revista do mundo no eido da Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos dende a súa creación en 2017
Lugo

O traballo ‘Películas e recubrimentos a base de polisacáridos para o envasado de alimentos: unha revisión’, asinado pola investigadora do Campus de Lugo da USC Patricia Cazón Díaz xunto co tamén investigador e profesor na facultade de Veterinaria da USC Manuel Vázquez Vázquez e publicado en Food Hydrocolloids, constitúe o artigo máis citado de todos os contidos incluídos na revista científica de referencia mundial no eido da Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos desde a súa creación en 2017.

O impacto deste artigo, que segundo contabiliza a base de datos Scopus, xa foi citado 223 veces noutras publicacións científicas, o que denota a súa alta repercusión internacional, acada se cabe maior notoriedade logo de coñecerse o informe anual ‘2020 Journal Citation Reports’, elaborado pola empresa Clarivate Analytics.

A última edición deste documento, no que se recollen varios indicadores de calidade, tales como o factor de impacto, un parámetro que dá conta do número de referencias de cada artigo en relación no volume de contidos editados e que se emprega para clasificar as revistas científicas en función da súa repercusión internacional, ademais das principais achegas (publicacións, organismos...) ás revistas científicas internacionais de referencia, sitúa Food Hydrocolloids, unha publicación centrada en investigacións orixinais e innovadoras relacionadas coa caracterización, propiedades, funcionalidade e coa aplicación de hidrocoloides en produtos alimenticios, na primeira posición do ranking de revistas científicas internacionais na área de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos.

O artigo escrito pola luguesa Patricia Cazón Díaz forma parte do proxecto de investigación desenvolvido durante a tese de doutoramento que vén de presentar esta na USC a pasada primavera. Esta investigación de doutoramento, dirixida polo profesor Manuel Vázquez Vázquez, do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía, da Facultade de Veterinaria da USC, e Gonzalo Velázquez de la Cruz, profesor do Centro de Investigación en Ciencia Aplicada e Tecnoloxía Avanzada do Instituto Politécnico Nacional de Querétaro (México), céntrase no desenvolvemento de polímeros biodegradables e nas posibles aplicacións como envases alimentarios.

Os resultados da investigación desenvolvida por Cazón e Vázquez ofrece alternativas ao uso de plásticos en alimentos, tal e como se recolle no artigo publicado en Food Hydrocolloids, no que os seus autores fan unha exhaustiva revisión dos traballos de investigación, pescudas e avances acadados ata o momento para o desenvolvemento de opcións biodegradables que permitan reducir o uso e a presenza de plásticos sintéticos na industria alimentaria a partir de polisacáridos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.07.2020.