Pasar al contenido principal

A agrupación BioReDes do Campus Terra súmase á Rede de Investigación en Sanidade Animal

Imaxe da agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra da USC (BioReDes)
Imaxe da agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra da USC (BioReDes)
“O enfoque multidisciplinar dun colectivo que integra especialistas en Sanidade e Produción Animal e Vexetal, constitúe unha achegas que pode facer a BioReDes á Rede de Investigación en Sanidade Animal (RISA)”, sinala a profesora da USC Maribel Quiroga
Lugo

A agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra da USC Xestión e Produción Sostible de Biorrecursos (BioReDes), despois dunha avaliación do seu perfil e obxectivos  acaba de entrar a formar parte da Rede de Investigación en Sanidade Animal (RISA), constituída ao abeiro das axudas para a creación e desenvolvemento de redes de investigación da Axencia Estatal de Investigación e coordinada pola Rede de Laboratorios de Alta Seguridade Biolóxica (RLASB), Infraestrutura Científica e Técnica Singular (ICTS). A RISA, que conta coa participación de universidades, centros de investigación punteiros e a Fundación Vet+i, ten como principais obxectivos a promoción e a transferencia tecnolóxica e a divulgación científica en sanidade animal.

A Rede de Investigación en Sanidade Animal aglutina a numerosos investigadores dedicados á Sanidade Animal en España e a súa creación responde á pretensión de potenciar as sinerxías existentes entre os distintos grupos de investigación en sanidade animal españois. Daquela, esta rede inclúe entre os seus membros expertos en disciplinas tan variadas como son a entomoloxía, a epidemioloxía e o benestar animal, entre outras, especialidades todas elas complementarias, para lograr un uso máis racional, responsable e optimizado dos recursos, garantir a sanidade e benestar animal e polo tanto, a saúde pública.

A profesora da USC na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo e responsable da área de formación e divulgación de BioReDes, Maribel Quiroga, salientou a importancia da integración da agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra na Rede de Investigación en Sanidade Animal, un consorcio “xa moi potente, ao que BioReDes pode achegar o enfoque multidisciplinar dun grupo de científicos heteroxéneo con especialistas en Sanidade e Produción Animal e en Produción Vexetal, no marco da estratexia global One Health”.

“A sanidade animal é moi importante no contexto da saúde pública, tal e como estamos a comprobar”, sinalou Maribel Quiroga, que tamén fixo fincapé no valor engadido que pode achega BioReDes neste eido, xa que contamos con especialistas e investigadores de renome e prestixio tanto no plano nacional como internacional”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.07.2020.