Que é a Tarxeta Universitaria de Identidade?
A tarxeta universitaria de identidade da USC (TUI), é o elemento de identificación dos membros da Comunidade Universitaria nas súas relacións internas e en determinadas relaciaóns con terceiros.
Tipos de TUI
A TUI poderá ser dixital ou en formato físico.
Para o alumnado a expedición será en formato dixital salvo que os seus usos requiran unha expedición en formato físico, caso no que se expedirá nos dous formatos.
Para o persoal da USC expedirase en formato dixital e, cando así se requira para a prestación dos servizos, tamén en formato físico.
Obrigatoriedade da TUI
A TUI é obrigatoria para estes colectivos:
- Alumnado de títulos oficiais: grao, máster e doutoramento
- Alumnado de títulos oficiais impartidos en centros adscritos, nos termos fixados no convenio.
- Alumnado de mobilidade e intercambio con destino na USC
- Persoal docente e investigador
- Persoal de administración e servizos
- Persoal investigador
- Persoal emérito e ad honorem
Outros colectivos aos que se lles pode expedir a TUI
A TUI pode expedirse, se así se solicita, ao alumnado de:
- Títulos propios
- IV Ciclo
- Titulacións interuniversitarias oficiais nas que participe a USC, nos casos en que realizasen a súa matrícula noutra universidade
- Centros vinculados, nos termos fixados no convenio
Como se activa a TUI?
Para activar a TUI é preciso a captura dunha fotografía.
A captura da imaxe require dunha previa identificación do ou da estudante, razón pola que non se admite a remisión de fotografías.
Para o curso académico 2024-2025 a captura poderá realizarse de xeito presencial nas seguintes localizacións:
- No Work Café do Campus de Santiago (Pavillón Estudantil) ata o 31 de outubro de 2024 en horario de luns a xoves de 9:00h a 14:00h e de 15:00h a 17:00h; venres de 9:00h a 14:00h.
- Nos Puntos de Atención, Información e Servizos (PAIS) do centro docente de referencia (Facultade/Escola Superior). Pode atopar a listaxe completa dos centros en http://hdl.handle.net/10347/30913
Quen pode solicitar a expedición dunha TUI física?
O persoal da Universidade ao que se lle habiliten servizos asociados.
Son servizos asociados:
- A sinatura electrónica de empregado público, nos termos establecidos pola Secretaría Xeral da USC.
- O control de acceso a determinadas instalacións da USC, previa autorización da Xerencia ou da unidade que corresponda.
Como se solicita a expedición dunha TUI física?
O persoal da USC ao que se lle habiliten servizos asociados poderá solicitar a expedición dunha TUI física a través do seguinte procedemento https://sede.usc.es/sede/publica/catalogo/procedemento/170/ver.htm
Caducidade da TUI
As tarxetas unicamente terán validez mentres dure a relación coa USC. En todo caso, as tarxetas físicas do alumnado e do persoal da USC caducarán aos 5 e 10 anos respectivamente.
Perda da TUI Física
As tarxetas físicas considéranse entregadas en depósito, podendo requirirse a súa devolución por finalización da relación, por modificación dos datos ou por usos indebidos.
No caso de perda da TUI física deberá abonarse unha tarifa de 4,79 euros por reexpedición da tarxeta.
TUI Dixital
Como obter a TUI virtual?
Alumnado de novo ingreso
Os pasos que debes seguir como estudante de novo ingreso son:
- Matricúlate.
- Xera as credenciais de identificación da USC seguindo as instrucións da páxina de matrícula.
- Acude ao teu centro de referencia para que che tomen a foto que aparecerá na tarxeta.
- Descarga a aplicación móbil da USC e identifícate coas túas credenciais.
Os enlaces de descarga da aplicación son os seguintes:
- Preme sobre a icona da tarxeta virtual para que se realice o proceso automático de xeración da tarxeta.
Resto do alumnado
Só debes realizar este trámite se precisas renovar a tarxeta. Os pasos que debes seguir son os mesmos que o alumnado de novo ingreso agás o paso 2, pois neste caso xa dispós de credenciais da USC.
Procedemento para obter a tarxeta virtual no caso de que xa se dispoña de tarxeta física
Os pasos que se deben seguir son:
- Descargar a aplicación móbil da USC e identificarse coas credenciais da USC.
- Premer sobre a icona de tarxeta virtual para que se realice o proceso automático de xeración da tarxeta.
No caso de que a aplicación móbil informe de que a imaxe non está dispoñible débese acudir ao centro de referencia para que se volva a facer a fotografía.
Para que se pode empregar a TUI física
A TUI é o elemento físico que permite activar o sistema de control de accesos aos centros e dependencias da Universidade cando se atopan pechados: fóra do horario de conserxería nos abertos ao público e permanentemente nos que está restrinxida a entrada.
A potestade de conceder ou denegar un permiso de acceso pertence á persoa que ostente a responsabilidade ou xefatura do recinto. Será no propio centro ou dependencia onde poida activar a tarxeta para acceder a el.
Unha mesma tarxeta pode dar acceso a varios recintos; asemade, tamén pode dar acceso aos aparcadoiros se o titular ten este dereito.
Acceso a edificios para non posuidores dunha TUI
Aquelas persoas que non teñan dereito a utilizar unha TUI persoal e precisen usar o sistema de control de accesos, poden solicitar ao responsable da dependencia que lles asigne, polo tempo preciso, unha tarxeta temporal innominada.
A tal efecto, a universidade ten unha reserva de tarxetas temporais á disposición dos responsables dos recintos, os cales poden dirixirse á Xerencia para solicitalas.
Debe terse en conta que a tarxeta usada para o aparcadoiro tamén serve para acceder ao edificio, e que a mesma tarxeta pode ser autorizada en múltiples dependencias, polo que a persoa que deba acceder a máis dun recinto só necesita unha única tarxeta.
A TUI é o elemento de acceso aos aparcadoiros con control de acceso da USC. O mero achegamento da tarxeta ao lector de proximidade serve para accionar o mecanismo que franquea o paso.
O uso dos aparcadoiros de acceso restrinxido da USC está rexido polo regulamento aprobado polo Consello de Goberno na súa sesión do 28 de febreiro de 2019 e publicado no taboleiro da sede electrónica o día 8 de marzo de 2019. Nel establécense as normas de uso e as situacións que provocarán a privación de acceso aos aparcadoiros.
Son considerados usos inadecuados:
- A cesión do elemento identificativo de acceso (tarxeta) a outra persoa.
- Pasar polas barreiras detrás doutro vehículo sen identificarse fronte ao control de acceso. (Debe marcar sempre a entrada ou saída coa súa tarxeta, salvo nos aparcadoiros sen lector de saída).
- O estacionamento en lugares non habilitados ou reservados a determinados colectivos ou funcións (por exemplo, ocupar as prazas reservadas a persoas con discapacidade ou os lugares marcados en amarelo que reservan espazo para permitir o acceso dos vehículos de emerxencias).
- O incumprimento do horario (non se poden utilizar os aparcadoiros durante a noite, coma se dun garaxe privado se tratara).
- Non respectar as normas vixentes en materia de tráfico no interior dos aparcadoiros (como estacionar no medio das vías de tránsito, dificultando ou impedindo a saída dos vehículos ben aparcados).
- Utilizar os aparcadoiros con fins distintos ao desenvolvemento da actividade universitaria.
- A inobservancia das indicacións dadas polo persoal do servizo de seguridade da USC.
Activación de tarxetas para usar os aparcadoiros
Antes de poder usar os aparcadoiros, debe solicitar a activación da súa tarxeta. O envío dos datos da tarxeta a cada aparcadoiro se realiza dentro das 24 horas laborables seguintes ao momento da solicitude, salvo problema técnico. Recibirá un correo electrónico dando conta do resultado da activación. No caso de que, pasado ese tempo, a tarxeta non funcione e non reciba un correo electrónico explicando a situación, póñase en contacto co CAU da universidade para notificar a incidencia.
Solicitude de activación:
Membros da Comunidade Universitaria autorizados (PDI, PAS e Investigadores):
- Cubra os datos do Formulario de solicitude de activación.
- Require de identificación con credenciais da USC (usuario-contrasinal) ou certificado electrónico de identidade.
Colaboradores docentes que no posúan unha conta de correo electrónico da USC: contacte co CAU da universidade por algún dos seguintes medios:
- Formulario de comunicación de incidencias: http://www.usc.gal/gl/servizos/atic/cau/notificar.jsp
- Correo electrónico: cau [at] usc.gal (cau[at]usc[dot]gal)
- Teléfono: 881811000. Extensión 55555
- Proporcione ao CAU a data aproximada de obtención da TUI que desexa activar e unha imaxe da mesma para comprobar categoría e número de identificación.
Para os membros da comunidade universitaria, a TUI constitúe o elemento de identificación e acceso ás instalacións da Área de Deportes da USC. Tamén para participar nas actividades organizadas na devandita área.
Máis información en http://www.usc.gal/deportes
Máis información en: https://rebusca.usc.gal/faqs-busc/prestamo-domicilio
Preguntas frecuentes sobre a TUI
Calquera incidencia xurdida na emisión da TUI debe ser comunicada ao Centro de Atención a Usuarios da USC mediante o envío dun correo electrónico ao enderezo cau [at] usc.gal (cau[at]usc[dot]gal)
Será preciso incluír nome completo, documento de identidade, relación coa USC e unha descrición da incidencia na mensaxe. Responderemos á maior brevidade posible.
Calquera incidencia relacionada coa TUI debe ser comunicada ao Centro de Atención a Usuarios da USC mediante o envío dun correo electrónico ao enderezo cau [at] usc.gal (cau[at]usc[dot]gal)
Non. Só é necesario renovala en canto caduque.
Os/as alumnos/as de residencias universitarias que precisen dunha tarxeta física para acceder á residencia ou ao seu cuarto poderán solicitala no enderezo https://sede.usc.es/sede/publica/catalogo/procedemento/170/ver.htm, presentando o documento onde se acredite a concesión da praza no Sistema Universitario de Residencias.
Os/as alumnos/as con necesidades especiais que teñan concedido o dereito a utilizaren os aparcamentos universitarios poderán solicitar a tarxeta física no enderezo https://sede.usc.es/sede/publica/catalogo/procedemento/170/ver.htm, presentando o escrito do Servizo de Participación e Integración Universitaria onde se acredite a necesidade.
Normativa de aplicación
Regulamento sobre a TUI: http://hdl.handle.net/10347/29670
Instrución sobre a expedición da TUI: http://hdl.handle.net/10347/30913