O grupo de investigación Esculca de Ciencias da Educación presenta unha `Guía para a integración de persoas refuxiadas´ desenvolvida no marco do proxecto Unintegra
A Facultade de Ciencias de Educación acolleu este venres 29 a Xornada Guía para a integración de persoas refuxiadas en Europa no marco do proxecto Unintegra, coordinado dende o ano 2017 polo Servizo de Relacións Exteriores. Nesta iniciativa, na que participaron tamén as universidades de Minho e Nacional de Atenas, desenvolvéronse diferentes accións para fomentar o apoio á integración de persoas refuxiadas proporcionándolles recursos e ferramentas para a súa inclusión e incidindo na sensibilización das comunidades de acollida.
Na apertura deste encontro interviñeron o catedrático Miguel A. Santos Rego, coordinador do grupo de Investigación Esculca, e Mar Lorenzo Moledo, investigadora principal do proxecto Unintegra e actual vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos. Nesta actividade, dirixida tanto a profesionais do ámbito socioeducativo como ao alumnado universitario participaron como relatores, responsables de entidades sociais colaboradoras na investigación previa.
Mar Lorenzo Moledo destacou na apertura do evento o labor realizado pola USC a través do Servizo de Relacións Exteriores e a relevancia do traballo desenvolvido polo grupo de investigación Esculca, “trátase do único proxecto con estas características que existe nas universidades españolas”, indicou. Ademais salientou a involucración da USC con este colectivo en dúas liñas principais: a investigación desenvolvida en Unintegra e as bolsas de axuda para persoas refuxiadas que se convocan con carácter anual.
Pola súa banda, Miguel A. Santos Rego, destacou a pertinencia do proxecto ao afirmar que “a USC integrou o drama das persoas refuxiadas, o que indica que a esperanza para a humanidade pasa irremediablemente por Europa e pola defensa dos Dereitos Humanos”. “É importante que esta guía se divulgue pola utilidade que presenta para as persoas refuxiadas e sería moi positivo que a iniciativa se puidese prolongar a través outros programas de financiación”, engadiu.
A continuación Sonia Cordido Méndez, Jésica Núñez García e Julia Mª Crespo Comesaña, participantes no proxecto coordinado pola USC, fixeron unha síntese das principais liñas de acción acometidas no transcurso do proxecto.
Proxecto de solidariedade e análise
A Guía de Integración para Personas Refuxiadas en Europa é un proxecto de solidariedade e análise que implicou un traballo exhaustivo de síntese coa participación dos socios de Grecia e Portugal. Neste manual introdúcese de xeito preliminar o traballo de investigación levado a cabo e defínese de xeito sucinto a terminoloxía básica empregada neste campo de estudo. Os resultados acadados dividíronse en tres guías diferenciadas por áreas de integración: no sistema educativo, no mercado laboral e nas comunidades de acollida.
Tres guías temáticas para a integración
A ‘Guía de Integración para Persoas Refuxiadas no sistema educativo’ foi elaborada tendo en conta as necesidades das familias refuxiadas, en especial as dos menores. O obxectivo perseguido era a creación dunha ferramenta de traballo para as institucións, organismos e profesionais que os atenden, co propósito de dar a coñecer o funcionamento do sistema educativo no país de acollida, as posibilidades de formación e o papel desempeñado polas familias na educación.
A segunda, focalizada na busca de emprego, ‘Guía de Integración para Persoas Refuxiadas no mercado laboral’, inclúe recomendacións de carácter xeral tanto para persoas refuxiadas como para potenciais empregadores en cada comunidade receptora, co fin de pór a disposición ferramentas, recursos e posibilidades para favorecer a inserción laboral.
Por último, a ‘Guía de Integración para Persoas Refuxiadas nas comunidades de acollida’ está centrada nos servizos e dispositivos comunitarios e nas entidades sociais que traballan con persoas refuxiadas, co obxectivo de fomentar a creación dunha rede de apoio social. Este manual, no que se ofrece unha visión europea e da contorna máis próxima de cada país participante no proxecto, foi traducida a catro linguas: español, inglés, portugués e grego.
No transcurso da xornada participaron responsables de entidades sociais colaboradoras na investigación levada a cabo en diferentes áreas de traballo. Juan Redondo Abelenda, coordinador do Programa de Refuxiados/as de Cruz Vermella Española en Galicia participou cunha intervención baixo o título ‘O traballo educativo con persoas refuxiadas’. A continuación, Xabier Rodríguez Orosa, técnico de inserción laboral en ACCEM – Galicia, abordou a integración laboral das persoas refuxiadas. Por último, Amaia Vilas Sarasua, da Asociación Provivienda de Vigo, e Ana Vidal Touza, psicóloga na mesma entidade, participaron cun relatorio sobre a integración dende a perspectiva da comunidade de acollida.
Pola tarde, ten lugar unha táboa redonda coa participación de todos os relatores sobre as ‘ Dificultades na integración e retos a afrontar’.
Participaron responsables de entidades sociais colaboradoras na investigación previa. Foto: Santi Alvite