Pasar al contenido principal

BioReDes percorre a contorna produtiva, cultural e social das rutas xacobeas en Lugo no seu primeiro ‘Camiño con ciencia’

Participantes no primeiro Camiño con ciencia de BioReDes
Participantes no primeiro Camiño con ciencia de BioReDes
A primeira sesión do proxecto ‘BioReDes fai camiño’, incluído no programa da Xunta ‘O teu Xacobeo’ rematou cun evento gastro-artístico no mercado municipal
Lugo

A Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra da USC BioReDes botou a andar este mércores o proxecto ‘BioReDes fai camiño’, un programa incluído no plan de dinamización do Xacobeo 2021 ‘O teu Xacobeo’, promovido pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia. Está orientado a achegar e conectar a I+D+i que se desenvolve na sede universitaria luguesa coa contorna produtiva, social e cultural de Galicia a través das rutas xacobeas, cun primeiro ‘Camiño con ciencia’ que comezará ás 9.30 horas diante da Facultade de Veterinaria e chegará ao seu colofón á noitiña cun evento gastro-artístico que se desenvolverá a partir das 20.00 horas no mercado municipal de Quiroga Ballesteros de Lugo.

Este primeiro roteiro representativo polo sector primario de Galicia a carón das rutas xacobeas e no que se agarda a participación de 50 persoas, entre as que figuran investigadores, creadores de opinión (xornalistas e divulgadores), xestores da administración, representantes do sector hostaleiro, profesionais de turismo, escolas de paisaxismo e turismo…, permitirá facer unha visita guiada en formato interactivo polo paseo do río Rato. Durante este percorrido investigadores da USC de áreas diversas de Botánica, Xeoloxía, Micoloxía ou Edafoloxía, descubrirán moitos dos segredos que agocha o patrimonio natural e etnográfico desta canle fluvial e da súa contorna. Os profesores Esperanza Álvarez Rodríguez, Manuel Antonio Rodríguez Guitián e Julián Alonso Díaz, serán os encargados de explicar a riqueza desta paraxe fluvial desde a óptica científica.

Logo dun receso no restaurante Terras do Miño, a comitiva de participantes no primeiro Camiño con Ciencia de BioReDes desprazarase en autobús ata o Mazo de Santa Comba, ao tempo que visitará un treito da Vía Romana XIX. O profesor Juan Ortiz Sanz ofrecerá a charla ‘Construción rural tradicional, tecnoloxía e investigación: Mazo de Santa Comba’, que axudará a apreciar este conxunto etnográfico excepcional. De seguido, a guía acreditada Lidia de la Fuente, realizará unha camiñada cara a O Corgo por un treito da Vía Romana XIX.

O programa de tarde comezará cunha sesión sobre ciencia turismo e emprendemento, na que, ademais de profesores da USC, tamén participarán o concelleiro de Lugo Mauricio Repetto, a xerente do Observatorio de Turismo Científico, Mayte Vence, e o xerente do grupo de desenvolvemento rural Ribeira Sacra-O Courel, Martín Alemparte.

Ao remate deste coloquio, unha camiñada guiada por un treito do Camiño Primitivo desde a ponte romana trasladará aos participantes neste primeiro Camiño con Ciencia ata a Casa do Saber, onde poderán visitar o xacemento do Museo Universitario A Domus do Mitreo e asistir a unha charla do investigador Marcos Gerardo Calles Lombao, que falará sobre a paisaxe no Camiño de Santiago.

O roteiro inicial de ‘BioReDes fai camiño’ é unha iniciativa nada coa idea de facer que os Camiños de Santiago actúen como fío condutor para dar a coñecer a investigación realizada polos grupos de investigación agromados en BioReDes, sinala a profesora da USC na Facultade de Veterinaria de Lugo e investigadora de BioReDes Maribel Quiroga Berdeal. A actividade chegará ao seu colofón cun evento gastro-festivo-cultural que se desenvolverá a partir das 20.00 horas no mercado de Quiroga Ballesteros, a BioReDes Gastro-Fest.

Esta xornada gastro-artística, que conta coa colaboración da área de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo, incluirá show cookings a cargo de prestixiosos chefs de Lugo (Héctor López, Santi Almuiña, Álvaro Villasante e Diego López), que elaborarán propostas gastronómicas con produtos locais de tempada amparados baixo DOPs e IXPS. O programa inclúe asemade catas guiadas de queixos e viños, monólogos científicos, faladoiros de emprendemento no sector agroalimentario e música ao vivo. De feito, nesta ocasión contarán as súas experiencias Rosana Domínguez, directora de marketing de Quescrem; Jesús Otero, xerente de Cooperativa Agraria Provincial da Coruña Bico do Xeado, e Nieves Medina, socia fundadora e administradora de Currican SL.

I Congreso da Mocidade Investigadora en Produción Primaria e Seguridade Alimentaria

A BioReDes Gastro-Fest programada no primeiro ‘Camiño con ciencia’ organizado por BioReDes servirá asemade de acto de benvida a todos os investigadores mozos inscritos para participar no I Congreso da Mocidade Investigadora en Produción Primaria Sostible e Calidade e Seguridade Alimentaria (JIPAS 2019). Este foro de divulgación e debate científico promovido por BioReDes e a Rede Inmunogenom da USC desenvolverase os días 28 e 29 de novembro na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo e congregará máis de 120 investigadores mozos de todo o Sistema Universitario Galego, así como doutros centros de investigación operativos na comunidade galega e no resto de España. Este congreso de mocidade investigadora tamén contará con numerosos participantes internacionais que están a completar estadías formativas e de I+D+i nos distintos campus do Sistema Universitario Galego.

Coloquio científico celebrado en Terras do Miño Evento gastro-cultural celebrado no mercado municipal como colofón do primeiro 'Camiño con ciencia' Pablo Rivera, Maribel Quiroga, Montserrat Valcárcel e Lara Méndez, no BioReDes gastrofest

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.06.2021.