Pasar al contenido principal

Alumnado de Ciencias da Educación aborda a construción do xénero a través de performances na rúa

Alumnado tomando parte na performance 'Otra más'. Foto: Santi Alvite
Alumnado tomando parte na performance 'Otra más'. Foto: Santi Alvite
O alumnado da materia ‘Socioloxía da Educación’ desenvolveu esta iniciativa en diferentes localizacións de Santiago de Compostela
Santiago de Compostela

O alumnado da materia ‘Socioloxía da Educación’ da Facultade de Ciencias da Educación da USC abordou este luns 18, a través de diferentes performances na rúa, a construción do xénero. Esta manifestación artística ten moitas liñas de acción pero, neste caso, o estudantado levou a cabo unha intervención urbana, creando así un asalto á rúa e procurando a comunicación entre espectador e actor. O tema co que traballan as futuras docentes ten un carácter crítico, cuxa principal motivación é provocar un impacto visual nos transeúntes.

“O xénero están sendo actualmente un tema de debate, co que se busca xerar cambios para conseguir unha sociedade libre e igualitaria”, afirma o profesor e impulsor desta iniciativa Jorge García Marín. Partindo desta premisa, a postura do alumnado é feminista, intentado crear conciencia das moitas opresións e dominacións que sofren as mulleres, continúa. Neste proxecto, cada grupo presenta unha perfomance cun guión conceptual diferente.

A Praza do Obradoiro acolleu este luns as pezas ‘Volver a nacer’, ‘O encerro’ e ‘Otra más’. Na Praza da Quintana, tiveron lugar as performances ‘Nada es lo que parece’ e ‘Bodas de sangre’, mentres que a Rúa do Franco foi o lugar escollido para a peza ‘Unidas somos forza’. Finalmente, a obra ‘Visible, invisible’ desenvolveuse en República do Salvador.

As diferentes localizacións buscáronse para xerar un simbolismo entre o espazo físico seleccionado, o espazo mental e a filosofía do discurso a desenvolver. As performances continuarán o 26 de novembro ás 10.30 horas na Praza do Obradoiro e ás 11.30 horas, na Alameda.

Performance 'O encerro'. Foto: Santi Alvite

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.12.2019.