O reitor Antonio López salienta que a colaboración de empresas como Agroamb axuda ás universidades a cumprir a súa función
O reitor da USC, Antonio López Díaz, salienta a importancia que ten para a USC e para o Campus de Lugo que no sector primario se desenvolvan proxectos empresariais que dinamicen o territorio, favorezan a creación de emprego na contorna xeográfica próxima e melloren o grao de benestar das persoas que viven no medio rural. O reitor da USC fixo estas declaracións na visita institucional realizada este xoves á planta do grupo empresarial Agroamb no municipio de Castro de Rei. “Este feito que constitúe un motivo de satisfacción enorme para unha empresa que desde o ano 1999 mantén unha intensa colaboración coa USC en diversos proxectos de I+D+i que acadaron un volume de 2,5 millóns de euros”, segundo indicou o administrador de Agroamb, Severiano Ónega Ares.
O reitor da USC destacou o compromiso de empresas como Agroamb coa investigación e coa transferencia á sociedade do resultado do traballo que se desenvolve nos laboratorios universitarios, xa que esta actividade empresarial “multiplica o valor do labor feito nas universidades”, dixo. “O éxito aínda é maior e ten máis valor engadido cando todas estas accións se fan apostando polo uso circular, o desenvolvemento sostible, eliminar residuos e por ofrecer saídas alternativas a produtos residuais”, engadiu Antonio López, que ve “esenciais iniciativas como as que constitúe Agroamb para que as universidades poidan cumprir a súa función”.
O administrador de Agroamb, Severino Ónega Ares, aproveitou a presenza do reitor da USC para reafirmar o compromiso da súa empresa coa innovación e o desenvolvemento, unha vontade que se xa reflicte nos máis de 15 proxectos xa desenvolvidos, a maioría coa USC, “sen lugar a dúbidas, o aliado de referencia de Agroamb”, dixo.
Ónega Aresa precisou que a sintonía que manteñen USC e Agroamb canalízase especialemente a través de investigadores dos departamentos de Produción Vexetal e de Edafoloxía e Química Agrícola na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, ou co grupo de investigación de Enxeñería Ambiental e Bioprocesos. Da súa man, explicou, Agroamb desenvolveu proxectos sobre o emprego de lodos de depuradora urbana no cultivo da rotación do millo e ray-gráss italiano; sobre o desenvolvemento de estratexias para a integración ambiental de mesturas de lodos de depuradora, cinzas de combustión madeireira e materiais adicionais; e sobre o potencial metanoxénico de residuos orgánicos industriais, respectivamente.
O director xeral de Agroamb, unha empresa que xera na actualidade medio centenar de postos de emprego directos, comentou que as últimas colaboracións coa USC veñen de materializarse con traballos puntuais nos que a firma con sede en Ponte de Outeiro acude busca na USC “a experiencia e a valiosa achega da investigación”. Nesa liña, Ónega Ares lembrou que Agroamb vén de contratar coa USC un estudo sobre lodos na localidade de Sobrado dos Monxes.
Severiano Ónega Ares aproveitou asemade a presenza do reitor Antonio López e da vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, para trasladarlle os seus parabéns pola proxecto de especialización do Campus Terra, a través do que se agroman esforzos cara o aproveitamento e posta en valor dos recursos da terra.
O alcalde do Concello de Castro de Rei, Francisco Balado, que, xunto coa directora de Estratexia de Agroamb, Josefa de León Blanco, tamén acompañou a delegación universitaria durante a visita á planta de transformación de lodos, expresou o seu agradecemento ao reitor Antonio López pola súa presenza en Castro de Rei, ao tempo que tamén recoñeceu o bo cometido que está a desenvolver Agroamb tanto pola súa actividade profesional, como pola xeración de emprego e riqueza.
Percorrido pola planta Ónega Ares entrega agasallos ás autoridades académicas e ao alcalde de Castro de Rei