Pasar al contenido principal

Os ‘Xantares Biocientíficos’ de BioReDes achéganse ao proceso de ‘domesticación’ do castiñeiro da man de Santiago Pereira

Santiago Pereira, nos 'Xantares Biocientíficos' de BioReDes
Santiago Pereira, nos 'Xantares Biocientíficos' de BioReDes
O relator convidado é catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC na EPS de Enxeñaría de Lugo

Os castiñeiros senlleiros do sur de Europa foron os protagonistas da última sesión dos ‘Xantares Biocientíficos’ de BioReDes, unha iniciativa promovida pola Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra da USC BioReDes que este venres tivo como relator convidado ao catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC na EPS de Enxeñaría de Lugo Santiago Pereira Lorenzo. Este investigador aproveitou a súa participación neste encontro de divulgación e intercambio científico para presentar os resultados da primeira análise xenética de castiñeiros monumentais (Castanea sativaMill) desenvolvida na Península Ibérica e en Italia co obxecto, entre outros, de afondar no coñecemento do efecto do enxerto no proceso de domesticación do castiñeiro, así como investigar os impactos da selección temperá na mellora da diversidade xenética.

Na súa intervención, Pereira Lorenzo explicou que esta ambicioso proxecto de investigación que vén de ser premiado pola Real Academia de Ciencias de Galicia permitiu a avaliación dun total de 105 árbores monumentais procedentes de Italia, España e Portugal. Estes exemplares comparáronse coa Base de datos de cultivares de Castaño da Unión Europea (UE) empregando un conxunto de 24 marcadores microsatélites (SSR). En cada árbore mediuse o perímetro (circunferencia) do diámetro na altura do peito (DBH) e recolléronse mostras da parte aérea e das raíces para distinguir as árbores que foron enxertadas.

En total conseguimos diferenciar 91 novos xenotipos da base de datos de cultivares de castiñeiros da Unión Europea; entre eles, o 9,6% coincidiron con cultivares de castaño coñecidos, relatou este investigador, quen precisou que as primeiras evidencias de cultivo, é dicir, do enxerto para producir o que se coñece como ‘domesticación instantánea’ atopáronse en Galicia e no val do Douro en árbores de 14 metros de perímetro (século XV) e no País Vasco (primeiro estudo nesa área) nunha árbore de 11,5 m de perímetro (século XVI).

No caso de Italia, o cultivar ‘Marrone Fiorentino’ atopouse nalgunhas árbores xigantes con perímetros de 8 e 9 metros (séculos XVII-XVIII) en Toscana e Umbría. Estes achados coinciden con referencias escritas en Portugal no s. XVI e en España no s. XVIII. Polo tanto, a ‘domesticación instantánea’ pódese datar ao redor do s. XV e garda relación coas poboacións silvestres existentes nas mesmas zonas onde se cultivan os cultivares, sen unha estrutura xenética diferente para as castiñeiros silvestres máis antigos que se coñecen e cunha alta diversidade xenética mantida despois do inicio da ‘domesticación instantánea’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.12.2019.