Pasar al contenido principal

Unha investigación da USC sobre a xestión de áreas litorais, premio da Asociación Española de Xeografía

Daniel Cajade na súa intervención logo de recoller o premio
Daniel Cajade na súa intervención logo de recoller o premio
O traballo realizado polo doutorando Daniel Cajade centrado no illote Areoso acaba de ser recoñecido co VI Premio ‘Jesús García Fernández’ a investigadores novos

O doutorando Daniel Cajade Pascual, da área de Xeografía Física da USC, acadou o VI Premio ‘ Jesús García Fernández’ dirixido a investigadores novos e concedido pola Asociación Española de Xeografía. O traballo premiado é ‘La gestión de áreas litorales: el caso del islote Areoso’, no que se aborda a problemática da xestión deste pequeno enclave do litoral galego.

O xurado tivo en conta na súa valoración a “orixinalidade e transversalidade da investigación, os métodos aplicados e a relevancia dos resultados obtidos”. Este premio recoñece a relevancia das investigacións levadas a cabo por un equipo de traballo da área de Xeografía Física da USC, liderado polos profesores Ramón Blanco Chao e Manuela Costa Casais, e do que Daniel Cajade Pascual forma parte. Todos eles atópanse integrados no Grupo de Investigación RODA. Cajade recolleu o galardón no marco do XXVI Congreso da Asociación Española de Xeografía, celebrado en Valencia.

Un novo modelo de xestión

Areoso é un pequeno illote situado na parte central da Ría de Arousa que se caracteriza por unhas condicións naturais especiais en sintonía cunha morfodinámica singular. Atesoura un variado patrimonio natural e cultural, que destaca pola presenza de importantes elementos arqueolóxicos. Trátase, de feito, dun lugar estreitamente vinculado á comunidade arousá, ao erixirse nun dos bancos marisqueiros máis relevantes da ría e configurarse como un espazo de uso lúdico desde os anos 70.

Na actualidade, presenta unha elevada vulnerabilidade, derivada da dinámica erosiva e a presión turística. No estudo premiado analízanse aspectos naturais, socioeconómicos e culturais que afectan o illote, para propoñer un modelo de xestión, que contempla medidas que propicien a súa conservación: zonificación en tres tipoloxías de uso e cálculo da capacidade de carga para regular o acceso de visitantes.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.12.2019.