Pasar al contenido principal

USC e CHUS asinan un acordo para analizar o vínculo entre dieta sustentable e dieta saudable

Gumersindo Feijoo Costa, no centro da imaxe, xunto ao resto de participantes no acto de sinatura. Foto: Santi Alvite
Gumersindo Feijoo Costa, no centro da imaxe, xunto ao resto de participantes no acto de sinatura. Foto: Santi Alvite
A investigación na que participa o BioGroup pretende introducir na dieta atlántica parámetros ambientais que minimicen impactos como a pegada de carbono
Lugo, Santiago de Compostela

A USC acaba de asinar co Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) un acordo de colaboración a través do cal o Grupo de Investigación de Biotecnoloxía Ambiental (BioGroup) traballará conxuntamente co Complexo Hospitalario na análise da relación entre seguir unha dieta sustentable e a adopción dunha dieta saudable.

A dieta é un elemento esencial na consecución dunha vida saudable, pois esta demostrado que seguir uns determinados parámetros no consumo diario de alimentos supón, xunto co exercicio físico, a base para previr diversas enfermidades, afirma o vicerreitor de Proxección e Planificación Estratéxica da USC e membro do BioGroup, Gumersindo Feijoo Costa. Agora ben, seguir unha variedade alimentaria baseada na pirámide de alimentos pódese asumir tamén, continúa Feijoo Costa, introducindo parámetros ambientais que minimicen impactos como a pegada de carbono. O estudo tomará en consideración de xeito específico a dieta atlántica.

Neste traballo de colaboración intentarase demostrar de forma cuantitativa a relación entre dieta sostible e dieta saudable, polo cal é necesario definir un equipo multidisciplinar que integre médicos e enxeñeiros que representen ambas as dúas perspectivas, apuntan dende o BioGroup integrado na Agrupación Estratéxica de Investigación CRETUS da USC especializada en tecnoloxías ambientais.

Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable

A finalidade primordial desta alianza consiste en promover accións en prol dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), adoptados por todos os Estados Membros da Organización de Nacións Unidas en 2015 como un chamado universal para pór fin á pobreza, protexer o planeta e garantir que todas as persoas gocen de paz e prosperidade en 2030.

Os 17 ODS atópanse integrados, xa que recoñecen que as intervencións nunha área afectarán os resultados doutras e que o desenvolvemento debe equilibrar a sustentabilidade medio ambiental, económica e social. Neste senso, os investigadores aspiran a desenvolver accións encamiñadas a favorecer os ODS número 6 (auga limpa e saneamento), 12 (produción e consumo responsable) e 13 (acción polo clima) que redunden na consecución do ODS 3, isto é, benestar e saúde.

No acto de sinatura do acordo celebrado no CHUS tomaron parte, ademais do propio Feijoo Costa, a profesora do Departamento de Enxeñaría Química, Maite Moreira; a investigadora Ramón y Cajal da USC, Sara González; e Xavier Esteve, investigador en formación do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental. En representación do CHUS, tomaron parte os doutores Francisco Gude Sampedro, responsable da Unidade de Epidemioloxía; Alfonso Javier Benítez Estévez e María del Mar Calvo Malvar, especialistas de Análises Clínicas;, Rosaura Leis Trabazo, coordinadora da Unidade de Gastroenteroloxía, Hepatoloxía e Nutrición Pediátrica; e Juan José Sánchez Castro, xefe do servizo do Centro de Saúde de A Estrada, Área de Xestión Integrada de Santiago de Compostela.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.12.2019.