O proxecto ‘Bactidec’ da USC gaña o premio nacional do programa Santander Explorer 2019
Os estudantes da Facultade de Medicina da USC José Rodríguez Gago e Carlos De Frías Polo acadaron o primeiro premio do Programa Santander Explorer competindo entre máis de 50 proxectos emprendedores de España, Portugal e Arxentina. O proxecto vencedor ‘Bactidec’ consiste nun dispositivo que mide en tempo real a presenza de bacterias en feridas cirúrxicas. Esta iniciativa acadou o primeiro premio, dotado de 30.000€.
Carlos De Frías e José Rodríguez desenvolveron o seu proxecto no centro Explorer USC Santiago ao longo de seis meses nos que os emprendedores recibiron formación e asesoramento en diversas materias relacionadas ca creación de empresas, tales como deseño de modelos de negocio, marketing, elaboración dun plan de negocio, ou aspectos legais das startups, entre outros. O proxecto ‘ Bactidec’ resultou gañador local do programa Explorer no mes de xullo, o que lles deu a oportunidade de gozar dunha estancia de seis días en Silicon Valley, así como de competir polo primeiro premio a nivel nacional, o cal acadaron este venres en Madrid.
Inscrición aberta
O programa Explorer, que celebrou este ano a súa décima edición, intégrase dentro dos programas de apoio ao emprendemento que a USC ofrece á comunidade universitaria, xunto co programa ARGOS. Explorer conta con dous centros na USC: un situado na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, e outro situado no Edificio Emprendia do Campus Vida, ao cal pertencen os gañadores desta edición. O programa está xestionado a través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE), e vai dirixido a mozos e mozas entre 18 e 31 anos que posúan unha idea de negocio innovadora e queiran acelerala mediante formación, asesoramento e titorización por parte persoal técnico da AVTE e de expertos a nivel nacional.
O Explorer mantén aberto actualmente o prazo de pre-inscripción nos seus dous centros da USC para a edición de 2020, podendo todas as persoas interesadas presentar as súas candidaturas nesta ligazón. Esta iniciativa está promovida polo Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE), conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Subdirección Xeral de Emprego, e da Deputación de Lugo.