USC e Sanofi Genzyme renovan o seu compromiso por avanzar no diagnóstico e tratamento das enfermidades metabólicas

A Universidade de Santiago de Compostela e Sanofi Genzyme veñen de reiterar a súa intención de seguir unindo esforzos por avanzar no coñecemento, diagnóstico e tratamento das enfermidades metabólicas, promovendo ao mesmo tempo a mellor atención dispoñible ás persoas afectadas por este tipo de doenzas hereditarias.
No marco da súa reunión anual de seguimento, a Cátedra institucional da USC de Enfermidades Metabólicas Hereditarias Sanofi-USC abordou, entre outras cuestións, o impulso do mestrado propio, centrado en incrementar, afondar e actualizar o coñecemento global sobre as enfermidades raras metabólicas hereditarias de nenos e adultos, destacando as vantaxes da detección e o tratamento precoz, e sinalando as implicacións das novas terapias dispoñibles.
Este mestrado propio da USC diríxese a especialistas en pediatría, médicos internistas, endocrinólogos, nutriólogos, médicos de familia e médicos especialistas na formación destas especialidades, así como a profesionais do laboratorio clínico implicado no estudo destas patoloxías, alén de profesionais en formación nestas áreas do coñecemento. Na súa última edición, completaron este mestrado 39 alumnos e alumnas, agúns deles procedentes de Portugal, México, Colombia ou Perú. A Cátedra impulsou asemade, no mes de xullo, as Xornadas de Actualización Farmacoterapéutica en Enfermidades Raras, desenvolvidas en colaboración co Servizo de Farmacia Hospitalario do CHUS.
Programa de diagnóstico
O Programa de Diagnóstico Enzimático e Xenético de Enfermidades Lisosomais, no que tamén participa a Cátedra, abrangueu este ano a 106 centros sanitarios procedentes de 32 provincias. Este programa lévase a cabo no Laboratorio de Metabolopatías da Unidade de Diagnóstico e Tratamento de Enfermidades Metabólicas Conxénitas do CHUS, que dirixe María Luz Couce. A potenciación desta unidade é precisamente un dos obxectivos de futuro desta Cátedra institucional da USC.
Na reunión anual de seguimento da Cátedra, tomaron parte o vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica da USC, Gumersindo Feijoo Costa; a directora da Unidade de Enfermidades Raras e Trastornos Hematolóxicos pouco frecuentes para Iberia, Marisol Gracía; o director médico de Sanofi Genzyme para Iberia, Salvador García; o director da Área Médica Enfermidades Raras para España, Víctor Gallego; así como os directores da Cátedra María Luz Couce e José María Fraga, profesores da Facultade de Medicina da USC.