Pasar al contenido principal

O Arquivo Histórico Universitario cede once pezas documentais para a mostra ‘Galicia, de NÓS a nós’

Imaxe doada polo AHUS á mostra itinerante ‘Galicia, de NÓS a nós’
Imaxe doada polo AHUS á mostra itinerante ‘Galicia, de NÓS a nós’
A exposición inaugurouse este venres no Museo Centro Gaiás para logo trasladarse, entre os meses de febreiro e abril de 2021, ao Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, e conmemora o centenario da Revista NÓS, alén de render homenaxe a todo o grupo de intelectuais que a fixeron posible
Santiago de Compostela

O Arquivo Histórico Universitario (AHUS) acaba de ceder once pezas documentais á mostra itinerante ‘Galicia, de NÓS a nós’, dedicada a conmemorar o centenario da Revista NÓS e a render homenaxe a todo o grupo de intelectuais que a fixeron realidade. A exposición inaugurouse este venres no Museo Centro Gaiás para logo trasladarse, entre os meses de febreiro e abril de 2021, ao Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense.

Das once pezas doadas polo AHUS, catro delas pertencen ao Concello de Santiago, mentres que todas as restantes son propiedade da USC. Os xustificantes de pagamento dos cursos impartidos na USC por Vicente Risco, Otero Pedrayo, Fidelino Figueredo, Filgueira Valverde e Antonio Sergio Sousa, entre os anos 1932 e 1933, conforman parte do legado cedido pola Universidade.

Alén disto, o plano de situación da Biblioteca Lago nas dependencias da USC do ano 1931, as listaxes de socios das delegacións galegas de Pontevedra, Vigo, Santiago, A Coruña e Ourense da Asociación Española para o Progreso das Ciencias de 1935; ou a listaxe coa subscrición das alumnas da escola de Barro de Noia que contribuíron para a adquisición da Biblioteca Lago, xunto coa carta da mestra do ano 1925, son outras das pezas documentais que integran a mostra grazas á doazón do AHUS. Na exposición tamén pode consultarse o documento coas sinaturas dos asistentes ao banquete de despedida organizado polo Seminario de Estudos Galegos aos amigos do Porto de 1935, ou o caderno co inventario de obras e obxectos do Museo Arqueolóxico-Etnográfico do Seminario de Estudos Galegos cedido á USC.

Transición cara a modernidade

Nesta exposición, a Universidade vai a estar moi presente non só polo volume de documentos que cede en préstamo temporal, senón tamén pola estreita vinculación que tiñan os membros do Seminario con ela, razón pola que no catálogo se incluirá un apartado titulado ‘A transición cara a modernidade da Universidade de Santiago’. No mesmo, relaciónanse datos relevantes da historia da USC nos anos vinte e trinta do século pasado, como é o caso da creación da Residencia de Estudantes e de diversas facultades como a de Medicina, Ciencias ou Filosofía e Letras.

 Os documentos doados polo AHUS, propiedade do Concello de Santiago, son o  expediente de licenza de obras da rúa do Vilar, nº 15, do ano 1936; o impreso de contribución industrial de Ánxel Casal de xullo de 1933; o plano de situación do proxecto de urbanización do Ensanche e Residencia de Estudantes do ano 1935; e o folleto Pro Residencia universitaria.

Recibo asinado por Vicente Risco
Recibo asinado por Vicente Risco
Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.05.2023.