Pasar al contenido principal

As ‘IV Xornadas diversidade sexual dende a educación’ botan a andar este xoves na Facultade de Ciencias da Educación

Cartel das xornadas
Cartel das xornadas
Baixo o lema ‘interseccións, corpos e vida’, as sesións desenvólvense ata o 16 de novembro
Santiago de Compostela

As ‘ IV Xornadas diversidade sexual dende a educación: Interseccións, corpos e vidas’ desenvólvense na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Vida entre o 14 e o 16 de novembro. Presentar algunhas voces silenciadas dos activismos LGTBI, destruír os tópicos sobre as persoas disidentes sexuais doutras razas ou con outras capacidades, propoñer e analizar o marco da interseccionalidade fronte ao marco da discriminación múltiple, así como fundamentar as implicacións do marco da interseccionalidade no deseño de políticas públicas educativas ou intervencións educativas, son os obxectivos que se perseguen a través deste foro.

O sexo, o xénero ou a orientación sexual non son conceptos analizables de forma estática e transhistórica, non refiren a unha realidade homoxénea e aplicable dun mesmo modo a todas as persoas, afirman dende a organización. Este principio metodolóxico sobre o modo no que nos aproximamos á diversidade sexual e de xénero ten consecuencias no ámbito das políticas públicas educativas que merecen ser analizadas en primeira persoa, feito polo que nace este foro, subliñan.

A raza, a clase social ou a (dis) capacidade interactúan co sexo, xénero ou orientación sexual, producindo contextos xenuínos de vulnerabilidade que deben ser analizados e escoitados atendendo ás súas propias particularidades. Por este motivo, as xornadas deste ano abordarán algunhas destas interseccións que atravesan os corpos con sexualidades non normativas ou xéneros diversos, facilitando espazos de encontro e debate desde unha perspectiva tanto científica como activista, conclúen dende a organización da xornada.

O acto inaugural celébrase este xoves, ás 16.00 horas, no Salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación. O vicerreitor de Profesorado da USC Ernesto Xosé González Seoane presidirá un acto no que tamén está previsto que tomen parte Carmen Fernández Morante, decana da Facultade de Ciencias da Educación da USC; Manuel Corredoira López, director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa; Susana López Abella, secretaria xeral da Igualdade; Noa Díaz Varela, concelleira responsable de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas; e Cristina Palacios Castro, presidenta da Asociación Arelas.

As xornadas están financiadas con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.12.2019.