Pasar al contenido principal

O grupo de investigación ANTE procura novos mecanismos de financiamento da colaboración transfronteiriza

Cartel das xornadas
Cartel das xornadas
As xornadas sobre políticas e instrumentos para o desenvolvemento do río Miño transfronteirizo terán lugar en Tomiño os días 18 e 19 de novembro
Lugo, Santiago de Compostela

O grupo de investigación de Análise Territorial (ANTE) impulsa unhas xornadas sobre políticas e instrumentos para o desenvolvemento do río Miño transfronteirizo que terán lugar en Tomiño os días 18 e 19 de novembro. No encontro, organizado na USC por Rubén Camilo Lois e Juan Manuel Trillo do Departamento de Xeografía, analizarase o próximo marco financeiro europeo con representantes do Ministerio de Economía e Facenda, Consellería de Facenda, CCDR-N e Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas. Agárdase que o foro constitúa un marco de cooperación para todas as eurocidades da fronteira ibérica.

Durante os días 18 e 19 de novembro, reuniranse en Tomiño representantes de administracións públicas estatais e rexionais de España e Portugal, especialistas en financiamento europeo e representantes das entidades locais do territorio miñoto, para estudar o futuro financiamento da estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030, con vistas ao novo marco financieiro europeo.

Á cita do día 18 acudirán destacados expertos en financiamento europeo como o secretario xeral da Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE), Martín Guillermo; o coordinador da ARFE Global Initiative, José María Cruz; o consultor para a Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea (DG Regio), Jonatan Paton; representantes do Ministerio de Facenda e da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia; da Comisión de Coordinación de Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal e da AECT Galicia - Norte de Portugal.

Tamén estarán en Tomiño os principais actores locais do territorio, as tres eurocidades do Miño (Tui – Valença, Tomiño – Cerveira e Salvaterra – Monçao) e as alcaldías e cámaras municipais transfronteirizas, liderados polo AECT Rio Minho, para estudar conxuntamente os mecanismos de financiamento das accións incluídas dentro do documento estratéxico galego portugués.

As xornadas continuarán o martes 19 cunha reunión de todos os representantes das eurocidades da fronteira ibérica para o intercambio de experiencias e boas prácticas As xornadas están abertas á participación pública mediante inscrición a través desta ligazón onde tamén se pode consultar e descargar o programa completo e actualizado do encontro.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.12.2019.