Pasar al contenido principal

Un relatorio sobre bioeconomía e economía circular abre este luns o Ciclo Luis Asorey 2019 no lugués Pazo de San Marcos

Cartaz coa programación de relatorios incluída no ciclo Luis Asorey 2019
Cartaz coa programación de relatorios incluída no ciclo Luis Asorey 2019
As sesións incluídas no programa de divulgación científica promovido pola Real Academia de Ciencias de Galicia xunto coa USC desenvolveranse ata o 27 de novembro
Lugo

Bioeconomía e economía circular centran a temática dos relatorios e sesións de debate programadas no marco do ciclo Luis Asorey 2019, un foro de divulgación científica promovido pola Real Academia de Ciencias de Galicia en colaboración coa USC que se desenvolverá do 18 ao 27 de novembro no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo.

A enxeñeira de montes e investigadora do Instituto Forestal Europeo (EFI) Mercedes Rois Díaz abrirá este programa o 18 de novembro, a partir das 18.00 horas, no lugués Pazo de San Marcos, cunha sesión plenaria que se desenvolverá baixo o título ‘Bioeconomía e economía circular’. O catedrático da USC e director da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade), Manuel Guaita, afondará ao día seguinte sobre este temática co relatorio ‘Bioeconomía e construción de madeira’.

Os novos materiais e as oportunidades que deparan para o sector agroforestal, e a bioeconomía como eixe da Axenda galega de impulso á industria forestal centrarán o 20 de novembro as intervencións do enxeñeiro técnico agrícola e do director da Axencia Galega de Industria Forestal (Xeral), Xosé Francisco Pedras Saavedra e José Ignacio Lema Piñeiro, respectivamente.

A primeira quenda de sesións divulgativas do ciclo Luis Asorey 2019 rematará o 21 de novembro cunha mesa de debate, no marco da que a profesora da USC Elvira Antonia Díaz Vizcaíno falará sobre aceites esenciais de plantas aromáticas como bioherbicidas, mentres que a catedrática do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC Rosa Mosquera afondará sobre a valorización de residuos no sector forestal. A responsable técnico da Asociación para la Certificación Española Forestal (PEFC) pechará este coloquio cunha intervención sobre a industria téxtil no marco da industria forestal.

A bioeconomía nos concellos e, nomeadamente, o caso de Lugo, e o Centro de Innovación Norvento Enerxía serán as cuestións sobre as que tratarán neste ciclo o técnico de Medio Ambiente do Concello de Lugo, Miguel Ángel Negral Fernández, e o responsable de Bioenerxía de Norvento, Miguel Ángel Balboa Murias, os días 25 e 26 de novembro, respectivamente.

A xornada de clausura da edición de 2019 do Ciclo de Conferencias Luis Asorey ofrecerá o 27 de novembro unha aproximación exhaustiva ao proxecto Life Lugo+Biodinámico, no marco da que os enxeñeiros de Montes Esther Fernández Núñez e Antonio Rigueiro Rodríguez, catedrático da USC, académico e coordinador do ciclo Luis Asorey, afondarán sobre os bosques urbanos e outras das actuacións contempladas neste proxecto liderado polo Concello de Lugo.

As diferentes sesións divulgativas programadas no marco do Ciclo Luis Asorey 2019 son de acceso libre e gratuíto para todas as persoas interesadas ata completar o aforo do salón de actos do Pazo de San Marcos, aínda que é preciso formalizar a inscrición previa no rexistro da Deputación Provincial de Lugo ou no formulario habilitado en liña. Este programa de divulgación científica está recoñecido pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional como actividade de formación do profesorado non universitario.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.12.2019.