Pasar al contenido principal

O Dereito do Traballo ante a doutrina do Tribunal de Xustiza da UE en materia de política social, obxecto de análise na USC

Cartel da xornada
Cartel da xornada
A Facultade de Dereito mantén aberta a inscrición nesta xornada ata o vindeiro 25 de novembro
Santiago de Compostela

A Facultade de Dereito da USC celebrará a vindeira semana, a Xornada ‘Retos do Dereito do Traballo ante a doutrina do Tribunal de Xustiza da Unión Europea en materia de política social e dereitos fundamentais’, en colaboración co Consello Galego de Relacións Laborais. Esta iniciativa está dirixida especialmente aos profesionais do ámbito laboral, axentes sociais, así como a estudantes universitarios de Dereito e Relacións Laborais.

As persoas interesadas en participar como asistente, poden formalizar a súa inscrición a través do enderezo electrónico lidia.gil.otero [at] usc.es (lidia[dot]gil[dot]otero[at]usc[dot]es) ata o 25 de novembro. O programa da Xornada desenvolverase en quenda de mañá e tarde na Sala de Xuntas da Facultade de Dereito da USC. Trala conferencia inaugural do catedrático da USC, Javier Gárate Castro, ao longo da mañá celebraranse dúas mesas redondas para abordar, en primeiro lugar, a doutrina do Tribunal de Xustiza en materia de contratación laboral, e por outra banda, a Seguridade Social e a conciliación da vida laboral e familiar. Os axentes sociais pecharán a sesión a través do exame da influencia do contexto europeo nas relacións laborais en Galicia.

Durante a sesión de tarde debaterase, na mesma liña, a repercusión da dita doutrina nas novas formas de traballo a través das plataformas dixitais e na igualdade e non discriminación. Finalmente, Juan García Blasco, Catedrático da Universidade de Zaragoza, pechará a Xornada nunha conferencia de clausura que abordará a normativa comunitaria en prevención de riscos laborais e control horario.

A xornada, dirixida pola presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Verónica Martínez Barbero, e os profesores da área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, Javier Gárate Castro e Yolanda Maneiro Vázquez, enmárcase dentro do proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (RTI2018 – 097917 – B – 100) que, baixo o mesmo nome, analiza a influencia que supoñen para o conxunto do Dereito do Traballo español os pronunciamentos do Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

O Consello Galego de Relacións Laborais ofrecerá nesta Xornada un servizo de intérprete de lingua de signos e de coidado de nenas e menos de 2 a 7 anos, requirindo neste último suposto previa comunicación ao organismo a través do enderezo formaci%F3n.cgrl [at] xunta.gal (formación[dot]cgrl[at]xunta[dot]gal)

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.12.2019.