Pasar al contenido principal

O certame de fotografía ‘A ciencia en imaxe’ bota a andar a súa sexta edición

Cada participante poderá presentar un máximo de tres imaxes. FOTO: Santi Alvite
Cada participante poderá presentar un máximo de tres imaxes. FOTO: Santi Alvite
O prazo para inscribirse neste concurso organizado polas Facultades de Bioloxía, Ciencias, Física, Matemáticas e Química, así como pola RAGC, estenderase ata o día 6 de novembro ás 14.00 horas
Santiago de Compostela

As Facultades de Bioloxía, Ciencias, Física, Matemáticas e Química impulsan xunto á Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) a sexta edición do certame de fotografía ‘A ciencia en imaxe’, cuxo prazo de inscrición remata o vindeiro 6 de novembro ás 14.00 horas. O concurso está aberto a calquera persoa pertencente á comunidade universitaria da USC que poderá participar con calquera tema relacionado coas ciencias, a investigación e a divulgación científica.

Co gallo da celebración da festividade de San Alberte Magno 2020, o certame outorgará 300 euros para a fotografía gañadora e 100 euros, para as fotografías seleccionadas en segundo e terceiro lugar. O xurado resérvase o dereito de asignar ata tres mencións de honra malia que un mesmo participante soamente poderá acadar un premio ou mención. O acto de entrega celebrarse o vindeiro 13 de novembro na Aula Magna de Bioloxía.

Inscrición

Cada participante poderá presentar un máximo de tres imaxes, dixitalizadas e realizadas con calquera equipo, profesional ou afeccionado, incluído o teléfono móbil. A fotografía enviada debe ser orixinal, inédita, e non presentada a concursos. De ser o caso, o autor sería inmediatamente descualificado. A fotografía, que se xuntará nun ficheiro, estará acompañada dun título e un breve comentario ou reflexión do autor/a, de cinco a dez liñas, que se incluirán no rexistro. O arquivo debe estar en formato JPG e ter un tamaño mínimo de 2 MB. O rexistro é de balde a través deste formulario.

Xurado

O xurado estará composto por un membro de cada centro organizador, un membro da RAGC e un experto en fotografía. Ademais, serán membros do xurado, con voz pero sen voto, o decano da Facultade de Bioloxía, ou a persoa en que delegue, e a secretaria do centro, que actuarán como presidente e secretaria do xurado, respectivamente. O xurado decidirá por maioría as fotografías premiadas segundo os criterios de orixinalidade, estética e adecuación ao tema proposto. Tamén se terá en conta a conciencia social, e a capacidade crítica e comunicativa expresada.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.10.2020.