Pasar al contenido principal

‘Sumo Valor’ impulsa a creación de moléculas eficaces como vehículo de transporte dunha posible vacina contra a COVID-19

Javier Montenegro traballando no seu laboratorio do CiQUS. FOTO: Santi Alvite
Javier Montenegro traballando no seu laboratorio do CiQUS. FOTO: Santi Alvite
O programa de micromecenado da USC financia xunto ao Instituto de Saúde Carlos III a tecnoloxía rápida e económica que Javier Montenegro desenvolve no CiQUS
Santiago de Compostela

A obtención dunha molécula que sexa eficaz como vehículo de transporte dunha posible vacina contra a COVID-19 é a liña de investigación que está a desenvolver o profesor da USC Javier Montenegro no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS). Tal como explica o investigador, “trátase dunha vacina baseada no emprego da tecnoloxía do ARN (ácido ribonucleico) mensaxeiro. Estas moléculas codifican na súa estrutura a información para a síntese dunha proteína. Cando penetran no interior das células, a maquinaria molecular comeza a funcionar para sintetizar a proteína que codifica este mensaxeiro”. Esta tecnoloxía, financiada a través do programa de micromecenado da USC ‘Sumo Valor’, é similar á vacina que está a desenvolver a farmacéutica estadounidense Moderna, que nestes intres está entre as estratexias máis avanzadas na carreira por conseguir un antídoto contra a COVID-19.

“O micromecenado é moi importante para poder facer investigación pública, en particular cando os resultados da mesma repercuten en toda a sociedade, como é o caso da pandemia que estamos a sufrir. A nosa sociedade vaise enfrontar a grandes problemas de saúde pública, enerxéticos e ambientais e o labor da I+D é fundamental”, apunta Montenegro quen recibe tamén financiamento do Instituto de Saúde Carlos III para a execución deste proxecto.

“Resposta extremadamente rápida”

As vacinas baseadas na tecnoloxía do ARN mensaxeiro presentan varias vantaxes. Por un lado, ofrecen “unha resposta extremadamente rápida”, explica o investigador. Así, unha vez coñecida a estrutura molecular do antíxeno, é posible deseñar con certa celeridade o ARN correspondente. Dende a aparición do axente patóxeno ata o deseño e síntese do ARN que se necesita para vacinar transcorre moi pouco tempo. Ademais, resulta relativamente económico e sinxelo facer o escalado, é dicir, producir o antíxeno en cantidades elevadas.

A diferenza doutras metodoloxías, a empregada polo equipo de químicos da USC usa un novo vehículo eficiente e non tóxico para expresar a proteína exacta da COVID-19. Segundo indica o investigador, “as proteínas sofren modificacións dentro das células pero a tecnoloxía do ARN mensaxeiro permite estas modificacións, polo que é unha réplica do antíxeno natural”. Javier Montenegro sinala que o principal problema que presenta o ARN é que se trata dunha molécula “moi sensible, degrádase con moita facilidade e non atravesa as membranas das células por si só”. Porén, hai sete anos o equipo da USC identificou o potencial da enxeñaría xenética e da terapia xénica e viron que os químicos poden contribuír a deseñar e preparar moléculas para protexer o ARN da súa degradación e poder entregalo así ao interior das células.

O equipo deseña o vehículo que entrega o ARN nas células, e fano combinando péptidos (pequenas proteínas) con outras moléculas, que se unen utilizando unha reacción dinámica que transcorre en auga e funciona de maneira rápida e eficiente, ao tempo que é reversible, o que significa que o vehículo autoinmólase unha vez cumprida a súa función.

Máxima eficiencia

Os investigadores da USC xa constataron que o seu modelo funciona en animais, presentando máxima eficiencia e sen toxicidade. Agora están a probar se é eficaz con proteínas de coronavirus, se xera anticorpos específicos para proteínas do SARS-CoV-2. O seguinte paso será comprobar se os anticorpos son neutralizantes para o virus, respecto ao que Montenegro se manifesta “moderadamente optimista”. A finalidade é que esta tecnoloxía sexa eficaz para o desenvolvemento dunha tecnoloxía xeral de vacinación para o SARS-CoV-2 e para calquera antíxeno emerxente baseada no ARN mensaxeiro e “cento por cento galega”.

Por outro lado, os investigadores salientan que, no caso de que apareza unha nova familia de coronavirus, sería posible replicar a súa estrutura con rapidez e desenvolver unha nova vacina. E isto sería aplicable a todo tipo de virus porque a proteína que expresa a molécula mensaxeira é exactamente a do antíxeno.

Micromecenado

A USC ten en marcha o programa de micromecenado “Sumo Valor”, unha iniciativa impulsada polo Consello Social e a Vicerreitoría de Planificación e Proxección Estratéxica da USC. Unha das liñas deste programa céntrase na loita contra a COVID-19, a través do apoio a investigacións de diferentes áreas de coñecemento que contribúan a combater e paliar os efectos da pandemia na sociedade. Empresas e particulares poden apoiar estas investigacións vencelladas ao SARS-CoV-2 a través de microdoazóns por valor non superior aos 3.000 euros, xa sexa unha cantidade monetaria ou un ben. As doazóns poden realizarse a través da páxina web do programa. Actualmente, a captación de fondos desta iniciativa ronda xa os 100.000 euros, dos cales 60.000 destínanse a proxectos de investigación contra a COVID-19.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.06.2023.