Pasar al contenido principal

Unha investigación repasa 500 anos da historia de Galicia desde o arquivo da Casa da Canicouba de Tui

Xabier Añoveros Trías de Bes
Xabier Añoveros Trías de Bes
O avogado e escritor Xabier Añoveros analiza e clasifica na súa cuarta tese de doutoramento, un traballo desenvolvido na USC baixo a dirección de Domingo Luis González Lopo, preto de 18.000 documentos dun pazo medieval urbano que conserva a súa propiedade familiar logo de 14 xeracións
Santiago de Compostela

O avogado, escritor, investigador e presidente do Instituto de Estudos Tudenses, Xabier Añoveros Trías de Bes, quen aos seus 76 anos e logo de máis de catro décadas como docente universitario de Dereito Mercantil, vén de presentar este venres na USC a súa cuarta tese de doutoramento, a primeira na área de Historia, cun exhaustivo estudo sobre a Casa da Canicouba de Tui, un pazo medieval de carácter urbano do que se converteu en propietario logo de 14 xeracións da mesma familia.

A tese titulada ‘Papeles e familia. O arquivo da Casa da Canicouba de Tui’ e dirixida polo profesor da Facultade de Xeografía e Historia da USC Domingo  González Lopo, ofrece unha viaxe diacrónica desta propiedade urbanística desde o século XVI ata a actualidade a través dos preto de 18.000 documentos que se conservan no seu arquivo, segundo indica o propio Añoveros, quen precisou que esta tese de doutoramento compila documentación moi variada que abrangue desde as escrituras dos terreos nos que se edificou a propiedade ata as últimas actuacións realizadas na Casa da Canicouba de Tui.

Alén do interese histórico documental e da perspectiva que ofrece sobre a conformación urbana e os cambios urbanísticos e arquitectónicos, ademais da propia evolución histórica experimentada en Tui e, por extensión, en Galicia, ao longo dos últimos séculos, esta investigación constitúe xa a cuarta tese de doutoramento elaborada por Añoveros, a terceira trala súa xubilación da actividade docente na Universidade de Barcelona, onde por vez primeira acadou o grao en doutor en Dereito hai preto de medio século.

Ligazón con Galicia

Ler e escribir son dúas das miñas grandes paixóns, recoñece este navarro de berce asentado en Barcelona desde a súa mocidade e ligado desde hai cinco décadas a Galicia e nomeadamente a Tui, “onde a familia sempre gozamos das vacacións estivais”. A fonda conexión tudense de Añoveros, en cuxo prolífero currículo tamén figura a condición de membro fundador de Unión del Pueblo Navarro (UPN) ou a súa dilatada traxectoria como integrante do consello de administración do Real Club Deportivo Espanyol, levouno a ter unha participación activa na vida local, como o proba a súa tamén xa longa implicación no Instituto de Estudos Tudenses, unha entidade na que entrou en contacto co profesor González Lopo o que, dalgún xeito, alimentou o embrión deste novo doutoramento.

A inclinación polo estudo e a investigación, non obstante, formaron desde sempre parte do día a día de Añoveros Trías de Bes, viúvo da ex ministra Julia García-Valdecasas e pai de tres fillos. Así, alén de compaxinar o seu labor docente na academia coa avogacía, unha actividade na que segue en activo como director do gabinete xurídico Digestum Legal, Xabier Añoveros conta no seu haber cun amplo abano de libros e artigos publicados. A esta relación sumarase nos próximos meses unha nova tese de doutoramento, a quinta, en Literatura. Neste traballo, que xa está a piques de rematar, Añoveros Trías de Bes afonda no estudo das dúas últimas novelas de Camilo José Cela baixo a dirección de Adolfo Sotelo, un dos máis recoñecidos estudosos do autor de Iria-Flavia.

O cese por xubilación do seu cometido como docente reforzou se cabe o seu traballo como investigador, pois na última década Añoveros completou un doutoramento en Ciencias Económicas na Universidade Camilo José Cela cun estudo sobre aspectos económicos presentes en ‘El Quijote’, ademais de converterse tamén en doutor en Humanidades pola Universidade Internacional de Catalunya cunha tese sobre as referencias bibliográficas da figura de San Francisco Javier, de cuxa vida e obra é un dos maiores especialistas.

Outra das grandes afeccións deste membro de número da Academia Xacobea e da Real Academia Europea de Doutores de Cataluña está relacionada co pesebrismo. O belén ou nacemento é unha estampa sempre presente no fogar de Añoveros, quen, alén destas datas sinaladas, convive no seu fogar con preto de 2.000 ‘caganers’, unha figura escatolóxica emblemática do pesebre catalán da que pode considerarse un dos seus maiores coleccionistas, ademais de director da entidade ‘Amics del Caganer’.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.11.2020.