Pasar al contenido principal

Ciencias impulsa a inserción laboral dos seus titulados

Vista panorámica da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo
Vista panorámica da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo
Ingapan ofrece dous contratos de traballo aos autores dos mellores TFG da Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais e Nutrición Humana e Dietética, mentres que o Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo e Codinugal gratifican con premios en metálico e cursos de formación outras propostas destacadas
Lugo

A Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC impulsa a inserción laboral dos seus titulados e tituladas a través da edición do Concurso de Traballos Fin de Grao de Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais e Nutrición Humana e Dietética, unha convocatoria impulsada polo centro universitario lugués en colaboración co Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo, a Asociación de Dietistas e Nutricionistas de Galicia (Adinu) e a empresa Ingapan, que ofrece contratos laborais durante un período de seis meses aos autores dos mellores TFG presentados en cada un dos dous títulos de grao universitario impartidos na Facultade de Ciencias ao longo das tres últimas convocatorias habilitadas ao longo do curso 2019-20.

O obxectivo deste concurso é incentivar a orixinalidade, mellora e innovación dos Traballos Fin de Grao desenvolvidos nas titulacións de Grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais e do Grao en Nutrición Humana e Dietética que teñan algunha vinculación ou posibilidade de aplicación nas industrias alimentarias, segundo se recolle nas bases do certame. O prazo de presentación de propostas permanecerá aberto desde este luns 16  ata o 27 de novembro, ambos inclusive, e as persoas interesadas deberán remitir o formulario de inscrición xa accesible na web da Facultade de Ciencias cos seus datos, ademais dunha copia en PDF do seu TFG, ao enderezo de correo electrónico fcdeca [at] usc.es (fcdeca[at]usc[dot]es).

O decano da Facultade de Ciencias, Francisco Fraga; o decano do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo, Jorge Rivera; o director xeral da empresa Ingapan S.L.U ou persoa en quen delegue, e o coordinador do título de grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais na USC, integrarán o xurado encargado de fallar os premios dun certame que outorgará ao gañador unha gratificación en metálico de 1.000 euros, ademais da posibilidade de gozar dun contrato de traballo por un período de seis meses na empresa Ingapan. O segundo e terceiro clasificado recibirán cadansúa gratificación de  500 e 300 euros, respectivamente.

O II Concurso de Traballos Fin de Grao de Nutrición Humana e Dietética será fallado por un xurado formado polo decano da Facultade de Ciencias, a presidenta ou representante do Colexio Oficial de Dietistas e Nutricionistas de Galicia (Codinugal) e da Asociación de Dietistas e Nutricionistas de Galicia (Adinu), un representante de Ingapan e o coordinador do título. A candidatura gañadora nesta categoría do certame tamén recibirá como premio tres cursos de formación financiados polo Codinugal, ademais da posibilidade dun contrato de traballo en Ingapan. O segundo e terceiro clasificado recibirán como agasallos dous e un curso de formación, respectivamente. Todos os galardoados desfrutarán asemade de colexiación gratuíta.

O decano da Facultade de Ciencias da USC Francisco Fraga salientou na presentación desta nova convocatoria o seu agradecemento a todas entidades, empresas e órganos colexiados que colaboran unha iniciativa orientada a poñer en valor o traballo realizado polo alumnado e a favorecer a súa inserción no mercado laboral.       

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.11.2020.