Pasar al contenido principal

Roberto Bande accede ao decanato de ADE co reto de revitalizar a proxección da Facultade

Roberto Bande, na Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC
Roberto Bande, na Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC
Jacobo Feás, como vicedecano, e Sandra Castro, na secretaría académica, completan o equipo de goberno elixido este martes co respaldo do 97% dos votos
Lugo

O profesor do Departamento de Fundamentos da Análise Económica da USC Roberto Bande Ramudo releva a Begoña Barreiro Fernández á fronte do decanato da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo da USC co reto de revitalizar a vida académica e aumentar a proxección exterior do centro lugués e da investigación que desenvolve.

A candidatura encabezada por Roberto Bande e da que tamén forman parte Jacobo Feás, en calidade de vicedecano, e Sandra Castro, como secretaria académica, foi a única que concorreu ás votacións celebradas este martes trala celebración dunha Xunta de Facultade que respaldou ao novo equipo de goberno co 97 % dos votos emitidos.

A dinamización da vida cultural do centro universitario lugués e a recuperación e o mellor aproveitamento de espazos para o estudantado constitúen algunhas das propostas manifestadas pola candidatura liderada por Roberto Bande, cuxo programa de goberno tamén avoga por promover a formación do alumnado na elaboración de informes e estudos académicos, potenciar a mobilidade estudantil a través dos programas de intercambio existentes, ademais de elaborar unha guía de servizos e doutras cuestións que resulten de interese para os novo alumnado que cada ano se incorpora ao centro.

Investigación

A posta en valor do labor de investigación desenvolvido na Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo, xa a través da publicación de documentos de traballo en repositorios internacionais xa mediante a celebración de workshops e a posterior difusión dos resultados destas sesións de traballo, son outras das accións que prevé impulsar o novo equipo de goberno da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC para trasladar á sociedade os resultados do seu traballo.

A creación dun catálogo de investigadores do centro, o establecemento de novos acordos con empresas e administracións, a implantación dun doutoramento interuniversitario en Ciencias Sociais e Avellentamento como eixe estratéxico para desenvolver o I+D no centro universitario lugués, a organización de cursos e actividades de formación complementaria e a promoción de investigadores visitantes son outras das apostas recollidas no programa electoral de Roberto Bande Ramudo, quen tamén impulsará novas medidas para avanzar cara a excelencia na docencia.

O decano electo adiantou neste senso as novas expectativas xeradas trala implantación do novo grao en Empresa e Tecnoloxía, un título que o vindeiro curso 2021-2022 contará cun grupo de docencia semipresencial, o que implicará a adaptación da metodoloxía tradicional de ensino-aprendizaxe. As actuacións propostas neste senso son diversas e abranguen desde a creación dun espazo audiovisual que permita a gravación de material audiovisual ata a formación e capacitación do profesorado no manexo dos equipos tecnolóxicos, así como para a edición e xeración deste tipo de materiais de uso educativo.

A mellora das competencias do profesorado en lingua inglesa co obxectivo a máis longo prazo de ofertar materias ou incluso títulos en inglés e incrementar así o atractivo para o alumnado estranxeiro, e a intensificación da coordinación docente son outros dos obxectivos fixados polo novo equipo de goberno da Facultade de ADE, que, na procura de reforzar as boas prácticas de traballo que está a desenvolver o Persoal de Administración e Servizos, prevé intensificar a colaboración xa existente, ademais de atender as necesidades formativas específicas que se advirtan.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.11.2020.