Pasar al contenido principal

Saúde e terra, dianas da I+D+i da USC no Campus de Lugo

De esquerda a dereita, Azucena Mora, Isabel Rodríguez, Monserrat Valcárcel e Elvira López, no LREC da USC
De esquerda a dereita, Azucena Mora, Isabel Rodríguez, Monserrat Valcárcel e Elvira López, no LREC da USC
A procura de solucións ás antibiorresistencias na cadea alimentaria centra as pescudas do grupo de Azucena Mora cunha achega do Ministerio de Ciencia e Innovación, que financia na sede universitaria luguesa con 530.000 euros sete proxectos de I+D+i relacionados con bioprotectores cardiovasculares, cambio climático, vitivinicultura, prevención de lumes, formación de madeira e coa biblioteca de Emilia Pardo Bazán
Lugo

A saúde, tanto na dimensión propiamente sanitaria como no que atinxe á seguridade alimentaria, xunto coa natureza e a conservación e posta en valor do territorio nun contexto de desenvolvemento sostible constitúen algunhas das dianas da I+D+i  que se está a realizar no Campus de Lugo da USC ao abeiro de sete proxectos de investigación que contan cun financiamento global de 530.000 euros, captados a través de diversas convocatorias do Ministerio de Ciencia.

A maioría das achegas orzamentarias que financian proxectos de I+D+i no Campus de Lugo corresponden a proxectos financiados en concorrencia competitiva pola Axencia Estatal de Investigación (AEI), que achega máis e 412.000 euros, mentres que o resto do financiamento procede doutras convocatorias do Instituto de Saúde Carlos III e da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), segundo informou a  subdelegada do Goberno en Lugo.

Isabel Rodríguez realizou estas declaracións no marco da visita realizada en compañía da vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel ás instalacións do Laboratorio de Referencia ‘E. coli’ (LREC), da Facultade de Veterinaria, onde mantiveron un encontro co decano da facultade, Gonzalo Fernández Rodríguez, así como coa investigadora e profesora do Departamento de Microbioloxía da USC Azucena Mora Gutiérrez, que lidera xunto con Ana Otero,  o proxecto ‘Seguridade alimentaria: estudo de clons de alto risco como candidatos vacinais e aplicación de estratexias anti-biofilm baseadas en quorum sensing’, unha actuación financiada pola AEI con 160.000 euros.

Problema das antibiorresistencias

Este proxecto, no que Mora Gutiérrez traballa xunto cun equipo interdisciplinar maioritariamente feminino, busca achegar coñecemento e solucións ao problema das antibiorresistencias ao longo de toda a cadea alimentaria, nunha perspectiva “desde a granxa á mesa”. Este nova liña de investigación, que se prolongará ata maio de 2023, permite dar continuidade a outro proxecto do Plan Nacional desenvolvido por esta investigadora do LREC que serviu para demostrar o importante cometido que desenvolven algúns alimentos na transmisión potencial de patóxenos multirresistentes ao ser humano.

Avalada por unha sólida traxectoria na caracterización de patóxenos zoonósicos, deseño de vacinas e nas estratexias antibiofilm, Azucena Mora aproveitou a presencia de representación política para criticar a parálise temporal e a tardanza de convocatorias de axudas sufridas polos considerados centros de investigación non esenciais por mor da COVID-19.

“Estamos no medio dunha pandemia, pero a resistencia antimicrobiana é un problema que chegou para quedarse”, advertiu Azucena Mora, que logo de agradecer a colaboración do resto de socios e investigadores nacionais e internacionais implicados neste novo proxecto, tamén salientou a capacidade e a produtividade científica da Unidade de Microbioloxía da USC, que, pese a todo, “acadou logros moi satisfactorios en 2020”. Sete publicacións en Q1, a promoción dun convenio entre a USC e Universidade de Copenhague para a mobilidade de estudantes de doutoramento, convenios con empresas de sanidade animal de España e Portugal e un proxecto co CSIC de Oviedo para a recuperación do Urogallo do Cantábrico dan conta do bo facer deste grupo de investigación do Campus de Lugo, sentenciou.

Apoio á investigación

Isabel Rodríguez salientou neste senso a calidade da I+D+i que se desenvolve no campus lugués, ao tempo que trasladou o seu apoio aos investigadores e defendeu “a importancia transcendental da ciencia no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia posto en marcha polo Goberno para modernizar España”.

A subdelegada do Goberno en Lugo aproveitou asemade esta visita ao Campus de Lugo para remarcar a diversidade das liñas de investigación que posibilitan as axudas concedidas polo Ministerio de Ciencia e Innovación e que permitirán desenvolver estudos en temas de seguridade alimentaria, produción de viño, produción de madeira de carballo, prevención do cambio climático a través da planificación do territorio, loita contra o lume, avances no tratamento e prevención de enfermidades coronarias e mesmo sobre a biblioteca de Emilia Pardo Bazán.

Os coordinadores destes proxectos de investigación, os profesores na Escola Politécnica de Enxeñaría Superior Javier J. Cancela Barrio, Ignacio García González, David Miranda e Agustín Merino, así como a profesora e investigadora na Facultade de Veterinaria Amparo Alfonso, ademais da adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera, tamén participaron neste acto institucional, no que xustificou a súa asuencia Critina Patiño Eirín, profesora e investigadora na Facultade de Humanidades.

Valcárcel e Rodríguez, no centro, con investigadores do Campus de Lugo da USC que lideran proxectos de I+D do Ministerio de Ciencia e Innovación
Valcárcel e Rodríguez, no centro, con investigadores do Campus de Lugo da USC que lideran proxectos de I+D do Ministerio de Ciencia e Innovación
Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.11.2020.