Pasar al contenido principal

A área de Cultura da USC favorece a creación e a experimentación con programas de cine, danza, fotografía, teatro e videocreación no Campus de Lugo

De esquerda a dereita, Marcos Loopez, Adra Pallón, Sabela Eiriz, Jesús Varela Zapata, Sergio Zearreta, Pepe Coira, Juan Carlos Zahera y Andrés Goteira, na Vicerreitoría de Lugo
De esquerda a dereita, Marcos Loopez, Adra Pallón, Sabela Eiriz, Jesús Varela Zapata, Sergio Zearreta, Pepe Coira, Juan Carlos Zahera y Andrés Goteira, na Vicerreitoría de Lugo
Os cursos e seminarios promovidos no Campus de Lugo botan a andar este mes. A matrícula está aberta na Oficina de Cultura da Vicerreitoría
Lugo

A Área de Cultura da USC favorece a formación artística, a creatividade e a experimentación entre o alumnado do Campus de Lugo, a través dun amplo programa de cursos, seminarios e actividades organizadas ao abeiro da Aula de Teatro e dos Espazos Danza, Fotografía e Cine. O obxectivo desta oferta de formación de complementaria articulada pola USC é o de contribuír ao desenvolvemento persoal e profesional de estudantes, así como dos demais membros da comunidade universitaria e incluso doutras persoas alleas, a través de cursos, obradoiros e seminarios de temática ligada tanto ao coñecemento das novas posibilidades que ofrece a tecnoloxía no proceso creativo como a outras manifestacións artísticas de pegada social, segundo indicou Jesús Varela Zapata, adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos.

A programación que ofrece este outono en Lugo a Área de Cultura da USC a través dos seus Espazos formativos é ampla, abrangue diversos ámbitos artísticos e inclúe cursos e seminarios prácticos de videocreación, fotografía social e de rúa e rodaxe e montaxe dun proxecto audiovisual. O prazo de inscrición en calquera destes programas, que comezarán a desenvolverse o 18 de octubre, permanece aberto na oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo. As persoas interesadas tamén poden obter máis información respecto dos contidos e obxectivos de cada curso na web do Espazo de Fotografía e Cine da USC.

O novo curso do Espazo de Cine da USC, unha iniciativa promovida desde a Vicerreitoría de Cultura, Comunicación e Servizos coa finalidade de favorecer a formación, a creación e a produción audiovisuais a través de monográficos orientados á realización de traballos audiovisuais, botará a andar este venres 19 de outubro cun curso de videocreación dirixido a aquelas persoas que queiran achegarse ao mundo da videoarte dende diferentes disciplinas e linguaxes.

As sesións lectivas deste programa, que será impartido por Sabela Eiriz e que está estruturado en 50 horas de formación, desenvolveranse na Casa do Saber de Lugo en quenda de mañá os sábados 19 de outubro, 16 novembro, 21 de decembro de 2019, así como os días 18 xaneiro, 15 febreiro e 28 marzo de 2020. O número de prazas está limitado a un máximo de 16.

O guionista e director de cine Andrés Goteira, quen saltou á palestra do éxito con ‘Dhogs’, comezará o 25 de outubro a impartir un curso de rodaxe e montaxe dun proxecto, unha acción formativa a través da que o alumnado fará unha inmersión completa no eido do audiovisual. As sesións lectivas deste módulo desenvolveranse na Casa do Saber os días 25 e 27 de outubro, 1, 2, 3, 23 e 24 de novembro.

Os fotógrafos do diario cultural VivaLugo Marcos Loopez e Adra Pallón impartirán a partir do mércores 18 de outubro unha nova edición do curso de fotografía social ‘Aprende fotografía desde cero polas rúas de Lugo’. Este programa, a través do que as persoas matriculadas poderán aprender a manexar unha cámara fotográfica, ademais de facer fotografías e modo semiautomático e manual, ofrece un total de 16 prazas. As clases celebraranse en quenda de tarde, de 16.00 a 20.00 horas, os venres comprendidos entre o 18 de outubro e o 29 de novembro (agás o primeiro de novembro), na Facultade de Formación do Profesorado.

Danza e Teatro

O programa de formación do Espazo de Danza da USC para o campus de Lugo para o curso 2019-20 inclúe diversos cursos e actividades de formación en danza contemporánea, danza creativa, danza oriental, ioga dinámico e bailes latinos, unha oferta ampla que permitirá aos membros da comunidade universitaria, así como ao público interesado na danza achegarse a diversos estilos a través da súa participación en cursos impartidos por profesores titulados e que se desenvolverán na Aula de Teatro e Danza da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo. As actividades do Espazo de Danza da USC, que comezarán a impartirse a mediados de outubro, manteñen aberta a inscrición na web da USC, onde se pode atopar información respecto dos horarios, taxas, profesorado, lugar de celebración e prazos de matrícula.

O teatro mantén un ano máis un protagonismo de seu na programación cultural do Campus de Lugo, onde Sergio Zearreta impartirá, a partir do 28 de outubro, un curso de arte dramática, que é requisito previo para formar parte da Compañía de Teatro USC-Lugo, ademais dun taller de dramaturxia actoral e interpretación teatral, unha actividade orientada a alumnado do IV Ciclo Universitario.

O estudantado da USC que formalice a súa inscrición en calquera dos programas promovidos pola Área de Cultura da USC no Campus de Lugo poderá solicitar recoñecemento de créditos ECTS en función da duración da actividade. Asemade, alén destas iniciativas de formación, a oferta da Área de Cultura da USC contempla outros fitos non menos importantes como o son o Maratón Fotográfico do Campus de Lugo, Encontro de Danza ou o Festival de Teatro Universitario, que se desenvolverán na primavera de 2020.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.12.2019.