Pasar al contenido principal

Ana Silveira toma posesión como decana de Enfermaría nun acto marcado polo recoñecemento ao alumnado do centro

Silveira é decana de Enfermaría dende o ano 2016. FOTO: santi Alvite
Silveira é decana de Enfermaría dende o ano 2016. FOTO: santi Alvite
O reitor cualifica como “exercicio impecable de organización” as 14.000 probas serolóxicas que o estudantado de último curso realizou ao longo dunha semana nos campus de Santiago e Lugo
Santiago de Compostela

“Exercicio impecable de organización”, así definiu este xoves o reitor Antonio López as 14.000 probas serolóxicas que o alumnado de último curso de Enfermaría realizou ao longo dunha semana nos campus de Santiago e Lugo para loitar contra a pandemia da COVID-19. O reitor aproveitou o acto de toma de posesión da decana Ana Isabel Silveira, quen repite no cargo, para salientar o esforzo dos alumnos e alumnas que actuaron como “auténticos profesionais”. Asemade, Antonio López quixo agradecer ao equipo de goberno da Facultade a súa capacidade para adaptarse “en tempo récord” ás medidas e protocolos derivados da pandemia. “É modélico o que se fixo en todos e cada un dos centros”, destacou o reitor.

“Poñer en valor a aposta pola saúde”, continuou Antonio López, é o que pretende acadar a USC a través do seu proxecto de ‘Cidade da Saúde’. Esta iniciativa que xa foi presentada ante a Xunta de Galicia e ante o Concello de Santiago, aspira a crear un espazo “integral e modular” que acolla non só as futuras instalacións da Facultade de Enfermaría, senón tamén que albergue as doutros centros como é o caso de Farmacia, alén de espazos destinados á investigación, anunciou o reitor. A ‘Cidade da Saúde’ constitúe un proxecto integrador e de reforzo das actividades sanitarias de carácter asistencial, docente e investigador contribuíndo, con isto, a que Galicia sexa un referente da docencia, da investigación e da colaboración institucional e público-privada no ámbito da saúde.

Transparencia e ilusión

“A pandemia púxonos a proba a todos; tanto ao noso sistema educativo, como ao noso sistema sanitario e ao noso sistema de valores”, afirmou Ana Isabel Silveira no seu discurso de toma de posesión. “A Facultade de  Enfermaría optou por unha adaptación baseada en manter a máxima presencialidade posible dos estudantes nas aulas, pero sempre coa esixencia de manter de forma estrita a distancia interpersoal e as medidas que garantan unha docencia segura”, engadiu. Silveira estará acompañada no cargo polas vicedecanas María Isabel Pérez Castuera e Raquel Rodríguez González, actuando como secretario Manuel Gandoy Crego.

A decana aproveitou a súa intervención para debuxar a súa proposta de futuro, a  cal “guiarase polos principios de apertura, diálogo, transparencia, esforzo e ilusión”. A consecución dunha Facultade “moderna, aberta, inqueda, participativa, de calidade, de servizo á sociedade e con vocación de afianzarse como referente académico e cultural”, serán as metas de Silveira. “A pesar de que a dotación orzamentaria limita, existen iniciativas ao noso alcance que poden mellorar a nosa oferta formativa, a nosa proxección exterior, o noso funcionamento interno, o noso prestixio… e que son o froito do traballo e da dedicación”, apuntou a decana no seu discurso. Neste senso, Silveira avogou por realizar unha análise profunda do plan de estudos para “adaptalo ás novas necesidades promovendo unha formación integral que facilite a incorporación ao mundo laboral, pero sempre estimulando o pensamento crítico, a innovación e a creatividade, o xuízo e toma de decisións, o liderado, a solución de problemas e o traballo en equipo”.

Currículo

Especialista en Pediatría e Puericultura, Ana Isabel Silveira desenvolveu a súa actividade asistencial dende o ano 1983, en diferentes centros da área sanitaria de Santiago de Compostela. Dende 1991 desenvolve a súa actividade docente na Facultade de  Enfermaría desempeñando os cargos de subdirectora da Escola Universitaria de Enfermería (2008-2011); vicedecana de Internacionalización (2011-2018); coordinadora da Comisión de Redacción do Grao de Enfermería; responsable académica de Mobilidade; e coordinadora académica de Mobilidade. Silveira é decana de Enfermaría dende o ano 2016.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.12.2020.