Pasar al contenido principal

O Herbario SANT cumpre 75 anos

Detalle do traballo de catalogación e consercación desenvolvido no centro. Foto: Santi Alvite
Detalle do traballo de catalogación e consercación desenvolvido no centro. Foto: Santi Alvite
Este servizo de apoio á investigación dependente da Vicerreitoría de Investigación e Innovación conforma unha colección científica, en constante crecemento, de espécimes vexetais desecados e tratados para a súa preservación
Lugo, Santiago de Compostela

Este luns 7 de decembro cúmprense 75 anos da creación do Herbario SANT, un servizo universitario concibido para a recompilación e catalogación de “flora galaica especialmente, e en xeral, a flora española, así como a formación dun herbario de especies exóticas principalmente as medicinais”, como se recollía no documento de normas para o funcionamento do xardín botánico asociado aos estudos de Farmacia asinado o 7 de decembro de 1945.

O herbario na actualidade está organizado en cinco coleccións de mostras vexetais: plantas vasculares (SANT), algas (SANT-Algae), liques (SANT-Lych) e briófitos (SANT-Bryo), ademais da colección de xermoplasma vexetal (SANT-G), alcanzando entre todas elas arredor de 130.000 mostras. Ademais, colabora no inventariado e difusión das coleccións de planta viva da USC a través de diversas actividades promovidas pola Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC. “Trátase  dun instrumento científico ao servizo da Botánica e dos botánicos”, explica o profesor do Departamento de Botánica e conservador do Herbario SANT entre 1990 e 2016, Francisco Javier Amigo Vázquez. As tarefas que desenvolve son esenciais de cara a prestar un servizo rápido e eficaz á comunidade científica, e tamén para poder divulgar ao público non especializado estas coleccións, imprescindibles para un axeitado coñecemento do patrimonio natural galego.

Un herbario é “unha colección de exemplares vexetais desecados, ordenados e preparados para a súa preservación a perpetuidade”, aclara o profesor Javier Amigo Vázquez. A misión deste servizo universitario, orientado ao apoio ás investigacións no eido da Botánica, é a de manter as súas coleccións ordenadas e preservadas do deterioro, exactamente como se faría cunha biblioteca, “pero que en troques de libros preserva mostras de plantas”. A través do seu fondo debe ser posible recoller “mostras da biodiversidade vexetal do territorio da súa contorna, para aprendizaxe dos estudosos dese territorio e do mundo enteiro”.

Historia

O fundador e primeiro promotor do Herbario da USC foi Francisco Bellot Rodríguez, catedrático de Botánica na USC entre 1943 e 1964 e quen deixou unha colección de de preto de 11.000 mostras. Como rememora Javier Amigo, o “maior impulso” para o Herbario compostelán viu a partir de 1978 da man de Jesús Izco Sevillano, na mesma cátedra entre 1978 e 2010, época na que ligado ao desenvolvemento de diversas teses dirixidas por Izo, este servizo acadou “un desenvolvemento e unha organización equiparables ás dos principais herbarios oficiais que traballan actualmente en España”.

En opinión de Javier Amigo, 75 anos despois da súa fundación, o Herbario SANT segue sendo “o mesmo proxecto altruísta e imperecedoiro con que naceu”. Imperecedoiro porque “seguirá sendo de utilidade para os botánicos profesionais ou afeccionados, de hoxe e do futuro”. Altruísta na medida en que “todos os que temos achegado mostras ao herbario, fixémolo pola satisfacción de contribuír ao coñecemento do noso país, sabendo que ese coñecemento seguirá sendo útil cando xa nós teñamos desaparecido do mundo”. A día de hoxe, o Herbario conta cunha persoa para o proceso de informatización e conservación de coleccións, un técnico de preparación de materiais e o apoio puntual de persoal en prácticas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.06.2021.