Pasar al contenido principal

A Granxa do Campus Terra recibe as primeiras quendas de alumnado para o desenvolvemento de prácticas

Imaxe da nave de gando da Granxa do Campus Terra
Imaxe da nave de gando da Granxa do Campus Terra
Valcárcel sinala que a nova dotación amplía as posibilidades de I+D+i no eido das ‘smart farming’ e reforza a senda de especialización do Campus de Lugo
Lugo

A Granxa do Campus Terra, unha instalación para usos de docencia e investigación que ocupa unha superficie de máis de 1.500 metros cadrados na finca Gayoso-Castro da Deputación Provincial de Lugo, recibiu este mércores a visita da primeira quenda de estudantes da sede universitaria luguesa, cuxo alumnado e profesorado atopa nesta nova infraestrutura un resorte engadido para o desenvolvemento do seu labor de formación, pero tamén de I+D+i.

O comezo da actividade formativa na Granxa do Campus Terra, unha instalación agropecuaria de carácter experimental impulsada pola USC co financiamento da Deputación de Lugo e que se inaugurará de xeito oficial o vindeiro martes, ofrece novas posibilidades para que o alumnado do Campus de Lugo e nomeadamente para aqueles matriculados na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) e na Facultade de Veterinaria realicen actividades de carácter práctico, ademais de para impulsar e desenvolver proxectos de investigación orientados a mellorar a competitividade das explotacións leiteiras e, por extensión, do sector agropecuario.

Coa axenda investigadora e a programación de prácticas aínda por completar, a Granxa do Campus Terra bota a andar coa aspiración de converterse nun referente de innovación para o sector agropecuario e gandeiro. De feito, as instalacións contan cunha nave para gando con capacidade para unhas 70 reses de vacún de leite dotada dun robot de muxido, así como con aulas e laboratorios de formación, maquinaria diversa e terreos aptos para cultivos e ou plantacións.

Aberta a toda a comunidade universitaria, así como aos gandeiros e demais axentes produtivos do sector, a Granxa do Campus Terra supón un salto cualitativo importante da formación práctica en temas de vacún e enxeñaría agroalimentaria, ao tempo que abre novas posibilidades de I+D+i no eido das ‘smart farming’, segundo comenta a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo. Montserrat Valcárcel sinalou neste senso que a primeira práctica desenvolvida na granxa e da que foron protagonistas un grupo de estudantes de Veterinaria coordinado polo profesor Luis Quintela reforza o camiño da especialización da sede universitaria luguesa.

 

Alumnado de Veterinaria nunha aula da Granxa do Campus Terra
Alumnado de Veterinaria nunha aula da Granxa do Campus Terra
Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.12.2020.