Pasar al contenido principal

Veterinaria potencia cun laboratorio de habilidades clínicas a formación do alumnado e o benestar animal

De esquerda a dereita, Gonzalo Fernández, Beatriz Vázquez, Javier Arias e Pedro García Herradón
De esquerda a dereita, Gonzalo Fernández, Beatriz Vázquez, Javier Arias e Pedro García Herradón
O delegado da Xunta en Lugo salienta a calidade da docencia e da investigación dun centro que é referencia en España e Europa durante unha visita institucional á Facultade de Veterinaria da USC
Lugo

A Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC traballa na potenciación, así como na progresiva dotación de equipamentos e simuladores acaídos para mellorar a formación práctica do alumnado e, en consecuencia, o benestar animal, tal e como sinalou este xoves o decano Gonzalo Fernández Rodríguez durante a visita realizada ao centro universitario polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen, salientou que “visto o potencial que ten esta facultade é lóxico que esteamos a falar dun centro de referencia a nivel nacional e tamén en Europa”.

A experimentación en animais é insubstituíble, subliñan os responsables académicos da Facultade de Veterinaria, que, sen embargo, comentan que a xeneralización do uso de simuladores para grandes e pequenos animais constitúen unha ferramenta moi útil e interesante para mellorar a formación práctica do alumnado, ao tempo que facilita este tipo de docencia práctica en laboratorio, onde os futuros veterinarios xa adquiren experiencia previa antes de iniciar exploracións clínicas en animais.

A diversidade dos simuladores e de modelos experimentais aptos para o desenvolvemento de habilidades cirúrxicas no proceso de aprendizaxe das ciencias veterinarias é moi ampla, ao tempo que se adapta ás distintas especies animais e tamén ás especialidades ou áreas de coñecemento de que se trate. Na actualidade, a Facultade de Veterinaria da USC dispón de 4 modelos experimentais de reprodución de grandes animais (dous de vacas e dous de eguas), ademais doutros equipamentos de menor tamaño para labores de cirurxías menores, suturas... O elevado nivel de uso e o bo grao de aproveitamento deste tipo de equipamento por parte do alumnado propicia que a Facultade de Veterinaria estea a avaliar xa a posibilidade de ampliar estas dotacións coa adquisición de novos simuladores experimentais de grandes e pequenos animais.

Outra das medidas impulsadas desde a Facultade de Veterinaria en aras a mellorar a calidade da docencia está relacionada coa implantación de solucións tecnolóxicas que permitan sortear as limitacións derivadas da pandemia provocada pola COVID-19. Neste senso, o decano Gonzalo Fernández amosou ao novo delegado da Xunta en Lugo algunhas das aulas habilitadas con equipos audiovisuais que posibilitan a emisión en streaming, dotacións que xa están operativas e que posibilitan avanzar cara a un maior grao da presencialidade na docencia. Javier Arias recoñeceu asemade a importancia da calidade na docencia e na investigación, “dous puntais da Facultade de Veterinaria da USC”, dixo.

Investigación

A potenciación da investigación, do mesmo xeito que a mellora da calidade da docencia, supón outro dos piares sobre os que se asenta a renovada acreditación europea da Facultade de Veterinaria de Lugo por parte da Aeaeve e tamén unha das prioridades do equipo dirixido por Gonzalo Rodríguez, que aproveitou a presenza de Javier Arias para visitar algúns laboratorios liderados por grupos de investigación de referencia competitiva.

Acompañados das vicedecanas da Facultade de Veterinaria responsables das áreas de calidade e de prácticas, Margarita Rico e Maribel Quiroga, respectivamente, Fernández e Arias completaron un percorrido polas instalacións da Facultade de Veterinaria, ao tempo que mantiveron breves encontros con Azucena Mora, investigadora do Laboratorio de Microbioloxía; Patrocinio Morrondo e Pablo Díez Baños, do Laboratorio de Sanidade Animal; Luis Miguel Botana e Amparo Alfonso, de Farmacoloxía, ou Laura Sánchez Piñón, que coordinada o laboratorio de peixe cebra.

Estes docentes e investigadores da Facultade de Veterinaria de Lugo explicaron ao delegado da Xunta en Lugo algunhas das claves das liñas de I+D nas que traballan, así como as súa repercusión e utilidade práctica. Neste senso, Maribel Quiroga tamén fixo unha breve presentación do traballo que se de desenvolve na sala de necropsias do Laboratorio de Anatomía Patolóxica, ao tempo que afondou no concepto da bioseguridade. Nesta mesma liña, os tamén docentes e investigadores Ana López Beceiro, Fernando Muñoz e Pedro García Herradón, expuxeron algún do diverso instrumental científico, así como dos novos modelos de simulación de reprodución e obstetricia que empregan nas sesión prácticas co alumnado e a través dos que os futuros veterinarios adquiren experiencia e habilidade clínica para o desenvolvemento futuro da súa profesión.

De esquerda a dereita, Fernando Muñoz, Gonzalo Fernández, Javier Arias, Beatriz Vázquez e Ana López Beceiro, na aula de habilidades clínicas de Veterinaria
De esquerda a dereita, Fernando Muñoz, Gonzalo Fernández, Javier Arias, Beatriz Vázquez e Ana López Beceiro, na aula de habilidades clínicas de Veterinaria
Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.12.2020.