Pasar al contenido principal

O ciclo de conferencias sobre Menéndez Pidal en Galicia bota a andar este martes na Facultade de Filoloxía

Cartel do ciclo
Cartel do ciclo
O ‘Bienio Pidalino’ celebra o 50 aniversario da morte e o 150 aniversario do nacemento do filólogo e historiador coruñés

O profesor da USC Santiago Díaz Lage pronunciará este martes 22 de outubro, ás 12.00 horas, no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía, o relatorio ‘Os estudos literarios en Menéndez Pidal e a súa historia’. Esta conferencia serve de punto de partida ao ciclo integrado por cinco conferencias dedicadas á figura de Ramón Menéndez Pidal en Galicia e Portugal, co gallo dos aniversarios da súa morte e nacemento.

A Facultade de Xeografía e Historia acollerá o vindeiro 7 de novembro, ás 19.30 horas, a segunda das conferencias impartidas por profesores da USC. Neste senso, Carlos Barros pronunciará o relatorio ‘Menéndez Pidal, Castela e as identidades medievais’. Filoloxía acollerá unha nova conferencia o 13 de novembro, ás 11.00 horas, na que José Luis Forneiro abordará os vínculos entre Menéndez Pidal e o Romanticismo galego e portugués.

Bienio Pidalino

Nos anos 2018 e 2019 cúmprense o 50 aniversario da morte (1968, Madrid) e o 150 aniversario do nacemento de Ramón Menéndez Pidal (1869, A Coruña). A Fundación que leva o seu nome está a promover nestes dous anos unha serie de actividades, exposicións e publicacións, o denominado ‘Bienio Pidalino’ que se prolongará durante o 2020, coa fin de tratar desde a perspectiva actual temas e debates relativos á actividade científica de Menéndez Pidal, da súa familia, e da súa escola.

Este ciclo de conferencias sobre Menéndez Pidal e Galicia incluirá tamén relatorios dos docentes das Universidades da Coruña, José Ignacio Pérez Pascual, e do Algarve, Sandra Boto. Ambas as dúas conferencias terán lugar en Filoloxía o 30 de outubro ás 11.00 horas e o 22 de novembro ás 12.00 horas, respectivamente Ademais, nos vindeiros meses está previsto que a exposición sobre a vida e a obra de Ramón Menéndez Pidal, con materiais relativos á relación do filólogo e historiador coruñés con Galicia e Portugal, chegue a Santiago de Compostela.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.12.2019.