Pasar al contenido principal

Un equipo de Física desenvolve unha aplicación para optimizar os tempos de ventilación das aulas

Evolución da concentración de CO2 nunha aula ventilada
Nunha aula ventilada correctamente, a concentración de CO2 (en cor vermella) diminúe en función do tempo que dure a ventilación
En colaboración coa Xunta de Galicia, porase a disposición da comunidade educativa galega para axudar a calcular as pautas de ventilación adecuadas que optimizan o tempo necesario de renovación do aire
Lugo, Santiago de Compostela

Un equipo da Facultade de Física da USC, en colaboración coa Xunta de Galicia, desenvolveu o espazo web ventilacion.usc.es, unha aplicación online froito dun traballo de investigación académica que agora, coincidindo co inicio do segundo trimestre, se pon a disposición dos centros escolares de maneira voluntaria. A finalidade desta ferramenta será seguir mellorando o confort térmico nas aulas a través de pautas de ventilación adecuadas que optimizan o tempo necesario de renovación do aire. Os detalles da aplicación presentáronas este luns o vicerreitor de Investigación e Innovación Vicente Pérez Muñuzuri, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, xunto co catedrático Jorge Mira, e con Alberto Pérez Muñuzuri, profesor da Facultade de Física da USC que desenvolve este proxecto. Por parte de Meteogalicia, estivo presente Mari Luz Macho, subdirectora xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático.

O obxectivo é optimizar o tempo de ventilación nas aulas -necesario para renovar o aire interior- en función das características propias dos centros escolares, tendo en conta a súa contorna e localización e as condicións climatolóxicas facilitadas por Meteogalicia. Desa maneira, mellorarase o confort térmico nas aulas durante os meses de inverno. Para iso, o equipo investigador establece estratexias de ventilación baseadas nas instrucións aprobadas o pasado mes de outubro polo Comité Educativo co aval do Comité Clínico. Estas indicacións, en liña coas existentes no resto de España, sinalan a ventilación periódica como un elemento imprescindible na prevención fronte á COVID-19.

O sistema estará dispoñible desde o inicio deste trimestre e ata finais de curso no enderezo ventilacion.usc.es, onde calquera centro poderá dar de alta os seus datos cando o precise (só é necesario facelo unha vez) e, ao día seguinte, poderá empezar a descargar recomendacións de ventilación personalizadas.

Manexo sinxelo e asesoramento

A primeira vez que se acceda ao sistema, deberán achegarse os datos básicos das aulas para as que desexan obter recomendacións específicas (tipoloxía dentro dun menú despregable, localización, orientación xeográfica, superficie total e de ventilación, altura ou media de alumnado, entre outros datos). A partir desa información, e cruzada coa predición meteorolóxica, obterán un resumo de datos así como pautas de ventilación.

Esta completa información permite adaptarse aos diferentes usos das aulas e mesmo a centros con horarios diferentes. Así mesmo, pode xerarse un informe en formato pdf para distribuílo entre o claustro de profesores ou nas diferentes aulas.

Partindo da obriga de abrir 15 minutos antes do inicio das clases, 5 minutos entre clases, durante a totalidade do recreo e 15 minutos ao final das clases, do modelo desenvolto por estes expertos da USC derívanse dúas estratexias posibles: unha ventilación a media clase (2 a 5 minutos cada 20 minutos aproximadamente) ou dúas ventilacións durante a clase (2 a 5 minutos cada 15 minutos aproximadamente). Isto permite optimizar os tempos de apertura ante situacións climatolóxicas desfavorables.

Acto presentación Cidade da Cultura
De esquerda a dereita, Mari Luz Macho, Vicente Pérez, Román Rodríguez, Jorge Mira e Alberto Pérez. Foto: Xunta de Galicia
Detalle da evolución no tempo da concentración de CO2 nunha aula
Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.01.2021.