Pasar al contenido principal

En marcha unha nova edición do Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC

Cartel do concurso, cuxo prazo de presentación de propostas permanecerá aberto ata o 15 de novembro
Cartel do concurso, cuxo prazo de presentación de propostas permanecerá aberto ata o 15 de novembro
Como novidade, o concurso inclúe este ano a celebración de Campus de Emprendemento en Santiago e Lugo para axudar a desenvolver as ideas
Santiago de Compostela

Dirixido a toda a comunidade universitaria de calquera área de coñecemento da USC, o Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC acaba de abrir o prazo de presentación de propostas da súa décimo sétima convocatoria. Como novidade, nesta edición o concurso estará acompañado de Campus de Emprendemento tanto en Santiago como en Lugo ao longo das dúas vindeiras semanas para axudar a conformar as posibles ideas que se presenten.

O Concurso busca premiar aquelas persoas emprendedoras que presenten ideas innovadoras susceptibles de converterse en proxectos empresariais a curto e medio prazo. O prazo para a presentación rematará o 15 de novembro e o concurso culminará os días 27 e 28 dese mesmo mes na Feira da Innovación da USC onde se darán a coñecer as ideas premiadas. En total outorgaranse cinco premios de 500 euros cada un.

Campus de Emprendemento
Os Campus de Emprendemento comezarán o vindeiro día 23 de outubro na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago e continuarán ao día seguinte na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago. Á semana seguinte haberá unha nova oportunidade de participar o día 30, novamente na Facultade de Ciencias Económicas, e o día 31 na Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo.

Estes campus están dirixidos a animar a emprender con sentido común, usando como exemplos a traxectoria de mozos e mozas emprendedores, facendo visible casos de éxito e tamén de fracaso que permitan enriquecer as propostas. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden consultar na web as bases do concurso e o formulario de inscrición.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.12.2019.