Pasar al contenido principal

Preto de 10.000 usuarios visitaron máis de 168.000 páxinas do bUSCatermos ao longo do ano pasado

bUSCatermos está formada a partir da compilación, análise e reelaboración de tres grandes tipos de materiais, que teñen o galego como idioma de referencia ou de traballo. FOTO: Santi Alvite
bUSCatermos está formada a partir da compilación, análise e reelaboración de tres grandes tipos de materiais, que teñen o galego como idioma de referencia ou de traballo. FOTO: Santi Alvite
A base de datos terminolóxica da USC veu incrementado en máis dun 24% o seu número de páxinas vistas en 2020
Lugo, Santiago de Compostela

A base de datos terminolóxica da USC bUSCatermos recibiu ao longo de 2020 a visita de 9.375 usuarios que chegaron a ver un total de 168.017 páxinas, o que supón un incremento do 24,74%  con respecto a 2019, ano no que foron vistas un total de 134.692 páxinas. bUSCatermos permite consultar a información recollida en máis de 165.000 rexistros, que se centran na terminoloxía galega, pero recollen tamén información doutras moitas linguas como é o caso do español, portugués, inglés ou francés, entre outras. Concretamente, as páxinas máis vistas ao longo do ano pasado foron as correspondentes aos termos agachamento, covid-19, acaparamento, gromo, PCR, onfalite, ivermectina, zoonose, axeusia e lavado broncoalveolar.

“A conclusión rápida é que a publicación a comezos de decembro dos Termos esenciais da COVID-19, que tivo bastante repercusión mediática, puxo o foco nunha serie de rexistros relacionados coa pandemia e concentrou as buscas sobre eles”, explican dende o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC. “O único caso que se escapa desta lóxica é ‘agachamento’, pois ten buscas repartidas ao longo de todo o 2020 e non só focalizadas no último mes, como ocorre coa maior parte dos outros rexistros” apuntan.

Con respecto a 2019, o número de usuarios que accederon ao bUSCatermos en 2020 veuse incrementado en máis dun 3%. Eses usuarios e usuarias accederon á base de datos a través dun total de 43.681 sesións de consulta, o que implica un incremento de máis do 24% en 2020 con respecto a 2019. Cada sesión de consulta correspóndese co período de tempo continuado durante o cal un usuario interactúa con bUSCatermos.

Actualización continua

bUSCatermos está formada a partir da compilación, análise e reelaboración de tres grandes tipos de materiais, que teñen o galego como idioma de referencia ou de traballo. Trátase dos vocabularios e léxicos elaborados polo Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC; un conxunto de dicionarios e vocabularios elaborados por outras persoas e colectivos, que se incorporaron coa súa autorización explícita; e os rexistros elaborados no SNL para responder a consultas externas, ou a dúbidas xurdidas na revisión de textos.

“Esta base de datos non pode entenderse como un proxecto completo nin rematado. O seu estado natural é a actualización practicamente continua, tanto para engadir novos dicionarios, vocabularios ou consultas como para reorganizar, completar e reelaborar materiais xa existentes”, explican dende o SNL.

Con respecto a 2019, o número de usuarios que accederon ao bUSCatermos en 2020 veuse incrementado en máis dun 3%. FOTO: Santi Alvite
Con respecto a 2019, o número de usuarios que accederon ao bUSCatermos en 2020 veuse incrementado en máis dun 3%. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.01.2021.