Pasar al contenido principal

Os valores e tendencias dos medios públicos en Europa, a debate en Ciencias da Comunicación

Cartel das sesións
Cartel das sesións
Unha trintena de académicos e investigadores reuniranse os días 26 e 27 de xaneiro a través de Teams para compartir os seus coñecementos acerca do servizo público europeo
Santiago de Compostela

Profesores e investigadores de dez universidades españolas debaterán os días 26 e 27 de xaneiro, a través da plataforma virtual Teams, sobre os valores e tendencias dos medios audiovisuais de comunicación públicos europeos na actualidade. Ao longo das dúas xornadas, as persoas participantes abrirán o debate presentando o avance dos seus estudos, expoñendo temas relacionados coas tendencias, os retos, o financiamento, e o valor do servizo público europeo.

Para finalizar cada unha das sesións, reunirase un grupo focal de académicos de universidades internacionais co fin de analizar  problemas aos que se enfronta o servizo público europeo tales como a relevancia do valor de servizo público ou o escenario mediático que xorde tras a pandemia. Esta iniciativa busca reunir a persoas expertas en comunicación para que compartan os seus coñecementos e experiencias ao redor dos medios de servizo público europeos. As sesións de presentación e debate reunirán a unha trintena de académicos e investigadores a través da plataforma Teams.

A terceira edición deste Workshop ‘Novos valores e tendencias de medios audiovisuais públicos europeos’ está organizada polo equipo do proxecto de investigación RTI2018-096065-B-I00 do Programa Estatal de I+D+i orientado aos Retos da Sociedade do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que lideran os profesores Francisco Campos Freire  e Miguel  Túñez López, do grupo de investigación de Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.01.2021.