Pasar al contenido principal

A caza en Galicia, a debate no marco do ciclo ‘Encontros de Lúa Chea’ na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo

Cartaz da próxima xornada do ciclo 'Encontros de Lúa'
Cartaz da próxima xornada do ciclo 'Encontros de Lúa'
O zoólogo Augusto de Castro Lorenzo e o vogal de Unitega e representante do Tecor Os Castros Christian López Carmona, intervirán como relatores na sesión do 30 de outubro

Os Encontros de Lúa Chea, un programa de debate sobre cuestións de actualidade organizado polo colectivo universitario Proxéctate en Galego, celebra o mércores 30 de outubro, a partir das 20.00 horas, na cafetería da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, unha nova sesión deste foro de análise e debate informal no marco da que se abordará a realidade da caza en Galicia, así como outros beneficios e problemáticas relacionadas coa actividade cinexética.

A elección da temática desta segunda sesión do curso dos Encontros de Lúa Chega pretende reflexionar sobre as distintas perspectivas desde as que se olla a propia actividade cinexética. O feito de que a caza é unha unha actividade que reporta un importante beneficio para as áreas rurais, ademais de tratarse dunha forma de lecer para moitas persoas, mentres que para outra parte da poboación resulta unha práctica molesta e perigosa que impide o goce dos espazos naturais, serán algún dos aspectos sobre os que falen neste foro o zoólogo Augusto de Castro Lorenzo e representante legal do Tecor Os Castros e vogal de Unión de Tecores Cazadores de Galicia (Unitega), Christian López Carmona.

Os relatores convidados tamén debaterán nesta sesión sobre o valor da caza como ferramenta para controlar a proliferación da fauna salvaxe, unha poboación excesiva que, en ocasións, dana as actividades produtivas de agricultores e gandeiros, un enfoque que recibe as críticas das organizacións ecoloxistas e que tampouco é compartido por agricultores e gandeiros.

Outras da cuestións obxecto de análise nesta segunda sesión dos Encontros de Lúa Chea é a relacionada co cometido que desenvolven os animais salvaxes como elementos de regulación dos ecosistemas nos que viven, así como respecto dos perigos da transmisión de enfermidades aos animais domésticos.

A participación nesta sesión de análise e debate é libre e de balde para todas as persoas interesadas, que tamén terán a oportunidade de compartir uns petiscos na cafetería da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.12.2019.