O filme ‘Nación’ de Margarita Ledo, distinguido por fomentar a igualdade de xénero
A longametraxe documental ‘Nación’ dirixida pola catedrática da USC Margarita Ledo, acaba de recibir o distintivo de película ‘Especialmente recomendada para o fomento da igualdade de xénero’ do Ministerio de Cultura e Deporte. ‘Nación’ reivindica a loita obreira dende o punto de vista das mulleres, tendo en conta as implicacións que supuxo a súa incorporación á forza de traballo, en tempos convulsos para o sector fabril a través das enérxicas mulleres da fábrica de cerámica de A Pontesa.
O Instituto da Cinematografía e as Artes Audiovisuais establece como criterios para a concesión desta categoría a difusión dunha imaxe igualitaria de ambos os dous sexos, sen situacións vexatorias ou discriminatorias. Promover a eliminación de prexuízos, imaxes estereotipadas e roles en función do sexo e impulsar a construción e difusión de representacións plurais e reais son outras das metas que persegue este distintivo.