Pasar al contenido principal

O IV Ciclo da USC duplica o número de matriculados de primeiro ano

Alumnado inscrito no IV Ciclo
Alumnado inscrito no IV Ciclo
No ano académico 2019-2020 matriculáronse máis de catrocentos alumnos nos campus de Santiago e Lugo
Lugo, Santiago de Compostela

O IV Ciclo da USC duplicou no presente curso o alumnado matriculado en primeiro ano ao superar os cincuenta inscritos. En total, son máis de catrocentos os matriculados e matriculadas nos campus de Santiago e Lugo no conxunto do programa.

A vicerreitora de Titulacións, María Victoria Otero Espinar, presidiu este xoves, na Facultade de Matemáticas, o acto de apertura de curso do IV Ciclo no campus de Santiago. Un acto no que tamén tomou parte a directora do programa, María Esther Olveira. A conferencia inaugural do curso correu a cargo da profesora da Facultade de Matemáticas Elena Vánzquez Abal, quen impartiu o relatorio ‘ Quen non saiba Xeometría, que non entre!’ Este relatorio enmárcase no ciclo ‘Destacadas da ciencia’ que continuará o 4 de decembro coa intervención de María José López Couso, e o 13 de decembro, con Carmen Álvarez Lorenzo.

O IV Ciclo constitúe un programa de formación dirixido aos alumnos maiores de 50 anos, con independencia do seu nivel previo, pero con características e demandas de formación reguladas, que cada vez en maior medida esixe a composición demográfica da poboación. Este ciclo formativo dende o seu comezo en outubro de 1997, busca a integración conceptual do programa nos demais ciclos que se imparten dentro desta Universidade.

O programa oferta este curso 2019-20 un total de 53 materias nos campus de Lugo e Santiago, que manteñen unha programación académica diferenciada. Aínda así, cómpre salientar que cada un dos cinco cursos nos que se estrutura este programa de formación de maiores ofrece seis materias de temática diferente, ao tempo que hai outra media ducia de disciplinas complementarias nas que tamén poden formalizar a matrícula as persoas interesadas.

Elena Vázquez Abal pronunciando o seu relatorio

Los contenidos de esta página se actualizaron el 31.10.2024.