Pasar al contenido principal

O congreso ‘Symmetry and shape’ rende homenaxe ao profesor Jürgen Berndt no seu 60 aniversario

O encontro celebrarase entre os días 28 e 31 na Facultade de Matemáticas da USC coa participación de expertos mundiais no estudo da simetría e a forma dende unha perspectiva matemática
Santiago de Compostela

O congreso ‘Symmetry and shape – Celebrating the 60th birthday of Prof. Jürgen Berndt’ celebrarase entre os días 28 e 31 na Facultade de Matemáticas da USC coa participación de expertos mundiais no estudo da simetría e a forma dende unha perspectiva matemática e, de xeito específico, dentro do ámbito da xeometría diferencial.

Ao evento asistirán especialistas no ámbito da xeometría riemanniana, a maioría deles traballando en países como Alemaña, Arxentina, Bélxica, Brasil, Corea, Estados Unidos, Italia, Reino Unido e Xapón. O acto de abertura terá lugar o luns 28 ás 9.30 horas e o programa científico estenderase desde ese mesmo día ata o xoves 31 ás 18.00. O programa inclúe dez conferencias plenarias, 31 charlas curtas e sesión de pósters. Toda a información relativa ao programa está dispoñible na web do congreso.

Simetría e forma
Como destaca o equipo organizador e de acordo co matemático alemán Felix Klein, a xeometría é o estudo das propiedades dun espazo que son invariantes baixo certo tipo de transformacións. Así, un problema importante en xeometría e nas ciencias físicas é determinar as simetrías dun espazo a partir da súa forma. No campo da xeometría riemanniana, “simetría e forma interactúan dando lugar a resultados básicos que involucran conceptos como acción isométrica, espazo simétrico, ou subvariedade homoxénea”. Esta área de investigación, iniciada nos traballos de Élie Cartan, continúa na actualidade xerando coñecemento matemático de grande valor.

É neste campo da xeometría onde Jürgen Berndt, especialista homenaxeado neste encontro, desenvolveu boa parte do seu labor investigadora. Berndt obtivo o seu doutorado en 1989 pola Universität zu Köln (Colonia, Alemaña). Traballou como profesor nese mesmo centro, así como na University of Hull (Reino Unido) e no University College Cork (Irlanda) e dende 2009 é profesor de Matemáticas no King’s College London (Reino Unido). Os seus traballos sobre hipersuperficies con curvaturas principais constantes e accións isométricas en espazos simétricos teñen aberto importantes liñas de investigación e constitúen referencias básicas nesta área.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.12.2019.